Deputación de Lugo

A Deputación equipa o auditorio de Chantada

- García Porto supervisou este martes os traballos de instalación do equipamento do auditorio chantadino. Son 266 butacas, un proxector audiovisual, unha pantalla e unha cortina con carril motorizado, que custeou a Deputación con 67.400 euros- O organismo provincial investiu, ademais, 900.000 euros na construción do auditorio en resposta ás demandas veciñais, posto que Chantada non contaba cun espazo para actos de máis de 150 persoas. O auditorio pode acoller a unhas 400

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisou este martes os traballos de instalación do equipamento do auditorio de Chantada, que está a levar a cabo o organismo provincial. Son 266 butacas, un proxector audiovisual, unha pantalla de 4x2 metros e unha cortina de máis de 20 metros de ancho por 5 metros de alto con carril motorizado. A Deputación achegou un total de 67.400 euros para a adquisición e instalación deste material.

A institución luguesa investiu, ademais, 900.000 euros na construción do auditorio, unha dotación pública municipal moi demanda polos veciños de Chantada, que non contaban cun espazo con capacidade suficiente para actos con máis de 150 persoas. O auditorio pode acoller a unhas 400 persoas. Forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreos nos que ata 2009 estivo a casa consistorial.

5 millóns
Tanto a construción do auditorio como a súa dotación, enmárcanse no conxunto de actuacións de 5 millóns de euros, que a Deputación levou a Chantada para liquidar a histórica débeda do canon hidroeléctrico. Outro exemplo, é o acondicionamento de 16 rúas. Xa con remanentes destes fondos, a institución luguesa fará posible novas melloras nos servizos públicos deste Concello. Foron aprobadas no Pleno Provincial as obras de mellora do campo de fútbol de Sangoñedo (16.102 euros), do centro de día (138.417 euros) e da Praza de Abastos (8.000 euros).