Deputación de Lugo

A Deputación anuncia a segunda edición do BEN EMPREGADO!, tras duplicar as solicitudes

- Gómez Besteiro e Lara Méndez confirmaron que 424 empresas e asociacións solicitaron subvencións por valor de preto de 9 millóns para a contratación de persoas en paro na provincia-No mes de febreiro, aprobaranse en Xunta de Goberno as empresas e asociacións beneficiarias das subvencións e comezarase coa contratación dos perfís profesionais-Este plan, que responde ás peticións dos veciños da provincia nos orzamentos participativos, escoita ao tecido empresarial e asociativo da provincia adecuando oferta e demanda

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, informaron este xoves no Salón de Actos do Pazo Provincial sobre novidades no BEN EMPREGADO!, proxecto pioneiro da institución provincial co que se subvenciona a contratación de desempregados dos 67 Concellos nas empresas da provincia.

Gómez Besteiro informou que nesta primeira fase recibíronse solicitudes de 424 entidades (343 empresas e 81 asociacións e organizacións sen ánimo de lucro), o que demostra “o éxito de convocatoria deste proxecto, que beneficia ás empresas, ás asociacións e ás persoas desempregadas”. Nesta liña, o Presidente salientou que as entidades solicitaron máis de 400 perfís de contratación por valor de 8.862.801,33 euros, que aumentará logo de que se presenten todos os requirimentos, ata chegar a preto de 9 millóns. Isto significa que as peticións duplicaron a oferta do BEN EMPREGADO!, financiado con 4.400.000”. Besteiro adiantou que, a mediados de febreiro, “aprobaremos o listado definitivo de empresas seleccionadas e iniciaremos a contratación das persoas en paro”. Ademais, o Presidente lembrou que “estes contratos rexeranse polas cláusulas sociais, medidas coas que blindamos os dereitos dos traballadores”.

“Tamén en febreiro, a Deputación ofrecerá o Ben Empregado!2 que será aínda maior que este. Xa non serán 4,4 os millóns, senón que aumentarán a 6, o que nos permitirá chegar a máis entidades e desempregados”. Estes proxectos “obedecen á situación real da provincia”, na que hai 24.500 parados, salientou Gómez Besteiro. “Con esta segunda edición ofreceremos 4 macroproxectos en 4 anos, feito sen precedentes noutras administracións”, valorou.

Pola súa banda, Lara Méndez salientou que “con este proxecto fomentamos a contratación dunhas 300 persoas en paro, que poderá variar en función dos perfís dos contratados”. A Vicepresidenta explicou que actualmente estase a finalizar o proceso de presentación da documentación. Posteriormente, analizaranse as peticións das empresas e asociacións para seleccionar as beneficiarias.

Méndez informou que as empresas poderán contratar un máximo de 5 perfís, aínda que “isto irá en función das solicitudes do conxunto das empresas e asociacións, posto que, se fará unha distribución o máis regular posible”. A Vicepresidenta quixo destacar que “a Deputación actúa como mera intermediaria nos procesos previos, pois, son as propias empresas e organizacións as que farán a selección e a contratación”.

Lara Méndez apuntou que “favorecemos a continuidade destes contratos posto que, na selección final das entidades beneficiarias puntúase máis alto canto máis grande sexa o compromiso destas empresas e colectivos para continuar os contratos posteriormente”. Con estas axuda á contratación, a Deputación concederá ata un máximo de 22.000 euros por traballador, “ a maior axuda que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación do persoal”, destacou.

BEN EMPREGADO!2
Gómez Besteiro avanzou que a Deputación porá en marcha no mes de febreiro a segunda edición do BEN EMPREGADO! dado o éxito de participación na primeira edición. O Presidente remarcou que “aumentaremos o orzamento para este programa, que ascende aos 6 millóns, o que permitirá chegar a máis empresas e desempregados da provincia”. Do mesmo xeito, a Vicepresidenta destacou que “esta institución ten un compromiso real coa situación dos desempregados na provincia” e que “este tipo de proxectos non só beneficia ao tecido empresarial e desempregados da provincia, senón tamén á Galicia e ao conxunto do Estado Español”.