Deputación de Lugo

A Deputación declara a Rocío Mosquera persoa non grata por negar aos lucenses Hemodinámica 24 horas e Radioterapia

- Besteiro subliña que “é inadmisible que Feijóo diga que os seus obxectivos en materia de sanidade están cumpridos no 2015, cando os lucenses seguen sen servizos imprescindibles”- Por 3ª vez nun Pleno Provincial escenifícase a ruptura no PP, posto que na votación non participaron os Deputados populares Antonio Muíña e Manuel González Capón- Aprobado por unanimidade o POS para 2015 e a cesión gratuíta durante 20 anos á COGAMI dunha parcela provincial para ampliar os seus servizos na provincia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes declarar a Rocío Mosquera persoa non grata por negar aos lucenses, reiteradamente, os servizos de Hemodinámica 24 horas e Radioterapia. Fíxoo cos votos a favor de PSOE e BNG, posto que o PP votou en contra da moción que o Goberno Provincial levou á sesión plenaria logo de que os populares tamén rexeitanse, en días pasados, unha declaración institucional coa que reprobar, por unanimidade, “a política discriminatoria cara os cidadáns de Lugo, exercida dende a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia”. Ao Pleno asistiron ducias de lucenses en apoio a esta declaración. Trátanse de veciños de toda a provincia, que asinaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego, ao superar as 40.000 sinaturas, para esixir ao Executivo autonómico a dotación destes servizos no Hula.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que “é inadmisible que Feijóo diga que os seus obxectivos en materia de sanidade están cumpridos no 2015, cando os lucenses levan anos esperando por servizos imprescindibles. É inadmisible que por 100.000 euros ao ano, que é o que custaría Hemodinámica 24 horas, sen contar o aforro en concepto de desprazamentos, manteña o horario de oficina para esta prestación. É vergonzoso que o Goberno galego estea a discutir algo que é obvio para todos os cidadáns e, como é vergonzoso e afecta á dignidade de todos os beneficiarios da sanidade pública, se fai unha reprobación clara e contundente dende unha institución democrática, como a Deputación de Lugo. Polo tanto, isto é unha resposta dende a dignidade, o sentido común e dende a convicción de que o que estamos a facer é bo para esta provincia”.

En febreiro de 2011, durante a inauguración do Hula, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo, textualmente, que “os servizos pendentes estarán en funcionamento nun prazo aproximado de tres meses”. Catro ano despois, o hospital lucense segue sen Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Todo isto, a pesares da aprobación unánime da ILP co maior respaldo na historia do Parlamento Galego ou das recomendacións dos propios profesionais, como o xefe do servizo de Cardioloxía do Hula ou do Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía. Ambas os dous defenderon Hemodinámica 24 horas no Hula para tratar aos pacientes nas mellores condicións, e descartaron que existisen criterios sanitarios ou económicos na decisión de privar aos lucenses desta prestación. Aínda así, a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, dixo que o Hula non precisa de Hemodinámica 24 horas. Feijóo tampouco fixo referencia a esta prestación na súa última visita a Lugo.

Ruptura no PP
Por 3ª vez nun Pleno Provincial no que se debateu a política sanitaria da Xunta en Lugo, escenifícase a ruptura no PP, posto que na votación non participaron os Deputados populares Antonio Muíña e Manuel González Capón. Hoxe non estivo na sesión plenaria Antonio Muíña, como tampouco o fixo na de decembro, cando se aprobou pedir a dimisión de Rocío Mosquera. No Pleno de xuño, no que se acordou esixir ao PP a inmediata retirada das súas emendas á ILP, o tamén Alcalde de Friol ausentouse da sala, xusto no momento da votación. Este martes, non asistiu ao Pleno o Deputado popular e Alcalde de Baralla Manuel González Capón, que asinou a ILP.

A moción contou co apoio dos 13 Deputados de PSOE e BNG. 9 Deputados do PP votaron en contra, ao non asistir á sesión plenaria 3 dos mesmos, un deles por motivos de saúde. Os acordos da moción aprobada son os seguintes:

1. Reprobar a Rocío Mosquera polo seu comportamento político, as súas declaracións e a súa reiterada discriminación cara aos lucenses, exercida a través da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
2. Declarar a Rocío Mosquera persoa non grata para esta institución; declaración motivada pola súa actuación contraria aos intereses dos lucenses e que choca de xeito frontal co imperativo da Deputación de Lugo de velar e representar a vontade soberana dos cidadáns da provincia.

POS
O Pleno aprobou por unanimidade o Plan de Obras e Servizos 2015, dotado de 3 millóns de euros, financiados en case un 65% polo organismo provincial, que achega 1.887.903 euros mentres os municipios adican 1.085.319 euros. Anteriormente, o POS estaba financiado nun 50% polo Executivo estatal, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos municipios. Foi así ata 2012, cando o actual Goberno central decidiu suprimir a achega estatal a esta programación, sendo a primeira vez na historia da democracia que acontecía isto. Mediante esta programación, a Deputación executará este ano 69 obras nos Concellos. Destas, 4 son en estradas provinciais de Cospeito, Negueira de Muñiz, Sober e Xermade. Concretamente, na CP-1701 de Feira do Monte a Muimenta, CP-3601 de Acebo a Negueira de Muñiz, CP-5904 de Sober por Gundivós a Vilachá e CP-2204 de Momán ás Pontes. Son 65 obras municipais noutros tantos Concellos, todos os da provincia, agás Trabada e Riotorto, que non quixeron sumarse ao POS.

COGAMI
Tamén por unanimidade, o Pleno aprobou a cesión gratuíta durante 20 anos á COGAMI dunha parcela provincial de 1.474 metros cadrados, situada na Rúa da Luz da capital luguesa, a carón das actuais instalacións que ten este colectivo sen ánimo de lucro en Fingoi, que lle permitirá ampliar os seus servizos na provincia. Con esta cesión, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade cumpre cos requisitos que establece a Consellería de Traballo e Benestar para ampliar os seus servizos de centro de día ou centro ocupacional na provincia de Lugo, posto que consegue a superficie legal requirida para poder facelo. Actualmente, COGAMI está a espera de que a Xunta de Galicia lle conceda a lo menos 20 prazas para poder abrir as instalacións do centro de día, que teñen capacidade para 60 persoas. Este colectivo prevé facer nun futuro, no espazo que lle concede a Deputación, unha edificación anexa a este centro ou ben pisos tutelados para ampliar os seus servizos. Ata o momento, a finca empregarase de zona verde e de espazo para facer as prácticas do obradoiro de xardinería que busca a inserción laboral de persoas con discapacidade neste sector.

A cesión desta parcela provincial a COGAMI é un paso máis do actual Goberno da Deputación na posta en valor do patrimonio público. Son exemplo disto, a cesión da gardería do Campus a Raiolas para situar nela o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; a cesión do antigo hospital San José a ASPNAIS, onde esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectural duplicará os seus servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional na provincia; a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño; ou a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.