Deputación de Lugo

600 persoas imaxinaron os versos de “Cantares Gallegos” grazas á mostra gratuíta que acolleu a Capela de Santa María

- A exposición, coa que a Deputación rendeu homenaxe á literatura galega e a “unha autora que escribía dende a morriña”, reuniu a máis dunha trintena de pezas - Entre as ilustracións que se exhibiron destacan as creacións que emulan as estrofas de Has de Cantar, Adiós, ríos; adiós, fontes ou Como chove miudiño

Unhas 600 persoas imaxinaron os versos de Cantares Gallegos grazas á mostra que acolleu durante un mes a Capela de Santa María. Esta exposición, que conxugaba literatura e arte, reuniu as creacións gráficas de 28 artistas galegos que ilustraron, en 33 pezas, os versos da obra rosaliana “Cantares Gallegos”.

Coa mostra Imaxinando Cantares Gallegos, a institución provincial rendeu homenaxe á literatura galega e a “unha autora que escribía dende a morriña”, tal e como a recorda a Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín. Entre as ilustracións que se poideron ver na exposición, realizadas con diferentes técnicas creativas como por exemplo acrílicos, guasch ou gravados, atopabanse creacións que reproducen os poemas de Has de cantar, pasando por Adiós, ríos; adiós, fontes ou Ariños, airiños, aires ata Como chove miudiño.