Deputación de Lugo

A Deputación acolle o primeiro ciclo de conferencias sobre o Santo Grial que se celebra na provincia

Imaxe deputación de lugo
- As xornadas Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade, de acceso libre e gratuíto, terán lugar entre os días 13 e 24 de xaneiro - O ciclo afonda na historia desta reliquia, que provoca un gran interese pola súa antigüidade e as enigmáticas lendas que rodean a súa orixe - As conferencias teñen recoñecido un crédito ECTS para os docentes e outro de libre configuración para os alumnos do Campus de Lugo, que poden inscribirse na Facultade de Humanidades

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá o ciclo de conferencias Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade, o primeiro destas características que se celebra na provincia. Terá lugar entre os días 13 e 24 de xaneiro e está organizado pola Provincia Franciscana de Santiago da Orde de Frailes Menores-Franciscanos, co patrocinio da institución luguesa e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Hospedería de San Martín Pinario e o Arzobispado de Santiago. Este ciclo, que é gratuíto e no que participarán expertos en diferentes materias, ten como obxectivo afondar na historia do Santo Grial, que ademais de ter unha gran transcendencia para o Cristianismo, constitúe un reclamo turítico de primeira orde. A súa antigüidade e as enigmáticas lendas que rodean as súas orixes contribúen a explicar a atracción que provoca esta reliquia.

Aínda que está aberto a todas as persoas interesadas, as xornadas diríxense especialmente a profesores e estudantes. De feito, o ciclo ten recoñecido un crédito ECTS para docentes e outro de libre configuración para os alumnos do Campus de Lugo, que poden inscribirse na Facultade de Humanidades, onde lles facilitarán uns folletos para cubrir e entregar na propia Facultade.

Con estas xornadas dase continuidade á programación cultural organizada con motivo do 800 aniversario da orde dos Franciscanos en Galicia, que ten como eixo principal a exposición itinerante A Pegada de San Francisco en Galicia, que suma xa preto de 7.000 visitas. A mostra estivo na Capela de Santa María, en Lugo; e na igrexa de Santa María do Real do Cebreiro. Na actualidade está aberta na Hospedería de San Martín Pinario de Compostela, onde permanecerá ata o 28 de febreiro.

A programación
O congreso Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade inclúe 7 conferencias, que se celebrarán no Salón de Actos da Deputación, ademais de catro visitas a museos e lugares emblemáticos do patrimonio natural recollidos na lenda do Santo Grial, e a proxección das películas A Búsqueda do Santo Grial, de Roel Oostra, e Himmler and The Holy Grail.

A inauguración das xornadas terá lugar o vindeiro martes, 13 de xaneiro, ás 16:30 horas, un acto no que estarán presentes José Antonio Castiñeiro, Provincial dos Franciscanos de Santiago, e José Pereira, Vicerreitor da USC. A continuación, de 17:00 a 18:30 horas, terá lugar a conferencia A Galicia máxica do Grial, a cargo de Antonio Reigosa, do departamento de Comunicación e Xestión Cultural do Museo Provincial de Lugo. De 18:30 a 20:00 horas está programada a conferencia O ciclo artúrico na literatura, impartida por Santiago Gutiérrez García, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago.

O xoves, 15 de xaneiro, terán lugar dúas conferencias. A primeira, de 17:00 a 18:30 horas, é sobre Interpretación antropolóxica do drama relixioso do Santo Grial, impartida por Xaquín Rodríguez Campos, profesor de Antropoloxía Social na USC. De 18:30 a 20:00 horas terá lugar a ponencia O mito do Grial na literatura galega contemporánea, a cargo de Carme Blanco García, profesora de Literatura Galega na USC.

O 20 de xaneiro terán lugar as conferencias Metodoloxía antropolóxica: bases teóricas, de 17:00 a 18:30 horas, e Preparación do traballo de campo, de 18:30 a 20:00 horas, ambas a cargo de Elena Freire Paz, profesora de Antropoloxía Social na USC.

O día 22 proxectarase a película A Búsqueda do Santo Grial ás 15:00 horas e seguidamente haberá unha visita ao Mosteiro de San Martín Pinario, en Santiago, para saber máis sobre mitos e realidades das peregrinacións actuais. Ás 17:30 horas está organizada a visita á exposición O Legado franciscano en Galicia. De 18:30 a 20:00 horas realizarase a visita ao Museo das Peregrinacións e ás 20:30 horas proxectarase o film Himmler and The Holy Grail.

O 24, os participantes viaxarán ao Cebreiro. De 9:30 a 13:30 horas recollerán datos etnográficos e de 13:30 a 15:30 xantarán e visitarán puntos emblemáticos do patrimonio natural relacionados co Grial. Despois de xantar, de 15:30 a 17:30 horas, realizarán de novo traballo de campo. De 17:30 a 19:00 horas terá lugar a conferencia O mito do Grial na música, a cargo de Antón de Santiago, do Conservatorio Estatal Superior de Música de A Coruña.

Finalmente, de 19:00 a 20:30 horas, celebrarase a conferencia A Procura do Santo Grial ao longo da historia, impartida por Xurxo Ayán, profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Vitoria-Gasteiz. O acto de clausura das xornadas terá lugar no Salón de Actos da Deputación, ás 20:30.