Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba o pago aprazado das 150.000 accións do CD Lugo

- Axustándose ao artigo 134 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas que contempla esta modalidade de pago, o prazo non será superior aos 3 anos - Logo de recibir esta mesma semana os permisos dos propietarios das Pallozas, a Deputación poderá iniciar as obras de reparación dos tellados en marzo, unha vez que transcorra o prazo legal de 26 días para a presentación de ofertas das empresas -  Aprobada a listaxe de mozos lucenses beneficiados de 40 Leonardo da Vinci, os destinos nos que farán prácticas empresarias e as axudas económicas para o custe cero das becas

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a modificación da cláusula 12 das bases do proceso de enaxenación das 150.000 accións do CD Lugo propiedade da Deputación e do Concello lugués. Trátase da cláusula relativa ao pagamento, que recolle a posibilidade de pago aprazado nos termos recollidos no artigo 134 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas. Isto é nun prazo non superior aos 3 anos.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que mañá o Boletín Oficial da Provincia publicará esta modificación. O luns abrirase un prazo de 10 días hábiles para a presentación de ofertas. Na primeira semana de febreiro reunirase a Comisión Técnica para a valoración de solicitudes e, previsiblemente, a resolución do concurso, que suporá a saída definitiva do accionariado do clube por parte de Deputación e Concello de Lugo.  

Pallozas do Piornedo
Logo de recibir esta mesma semana os últimos permisos legais e imprescindibles das obras de reparación das Pallozas do Piornedo, isto é o dos propios propietarios, a Deputación pode continuar co proceso de adxudicación dos traballos de reparación dos tellados, dotados de 100.000 euros. Martínez explicou que “xa avanzamos neste procedemento posto que, mentres esperamos polas licenzas de Xunta, Concello e veciños, elaboramos o prego e o expediente estas actuacións. Por este motivo, a semana próxima publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil do Contratante o contrato, abrindo un prazo fixado pola lei de 26 días naturais para a presentación de ofertas. Isto significa que en marzo se adxudicarán as obras para a súa inmediata execución”. A Deputación segue á espera dos permisos de Xunta, Concello e veciños para poder continuar cos procesos de contratación das obras de saneamento e iluminación, dotadas de 160.000 euros, que tamén iniciou. 

A totalidade destas obras contan cun orzamento de 260.000 euros, financiados nun 65,5% pola Deputación de Lugo e nun 34,5% pola Xunta de Galicia. Polo tanto, o organismo provincial inviste 160.000 euros de fondos propios mentres a Xunta achega unha subvención de 100.000 euros, financiados nun 80% por fondos FEDER. Ademais de achegar máis presuposto, a Deputación de Lugo tamén aceptou facerse cargo da redacción e execución das obras ante o grave deterioro que sofren as Pallozas logo de que o actual Goberno galego suprimise as axudas de 26.000 euros anuais para o seu mantemento. Todo isto, a pesares de ser a Xunta de Galicia a responsable legal da conservación dos Bens de Interese Cultural, como as Pallozas do Piornedo.

40 Leonardo da Vinci
A Xunta de Goberno aprobou a listaxe definitiva de mozos lucenses menores de 35 anos e con titulacións realizadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida, que resultaron beneficiados doutras 40 becas Leonardo da Vinci da Deputación. A sesión acordou, ademais, os países europeos nos que realizarán prácticas en prestixiosas empresas relacionadas coas súas titulacións. Son: Italia (concretamente na cidade de Florencia), Reino Unido (en Belfast), Portugal (en Lisboa), Austria (en Viena), República Checa (en Praga) e Irlanda (en Cork).

As becas teñen custe cero para os bolseiros, posto que a Deputación asume, grazas aos fondos europeos, todos os custes, por exemplo, os de aloxamento, xestión das prácticas ou os dos titores para o seguimento continuo da súa formación. A maiores, os bolseiros reciben unha axuda económica de entre 1.200 e 1.500 euros para gastos de manutención e transporte, que tamén foron aprobadas hoxe na Xunta de Goberno. 

A finais deste mesmo mes, os bolseiros partirán aos seus lugares de destino co obxectivo de mellorar a súa formación de cara a facilitar a súa inserción laboral de volta en España. As Leonardo da Vinci teñen unha duración de 3 meses e medio. Nos primeiros 15 días, os beneficiados realizarán cursos de idiomas e no tempo restante as prácticas.

As 40 bolsas están dotadas de 231.000 euros, financiado en preto dun 70% pola Unión Europea e nun 30% por fondos propios da Deputación. Esta é a terceira convocatoria de becas Leonardo da Vinci que pon en marcha a Deputación na provincia, acadando as 300 nos últimos tres anos.