Deputación de Lugo

100 veciños de Trasbar terán un novo saneamento de augas graza á Deputación e Concello

- As actuacións, financiadas entre Deputación e Concello con 113.303 euros, consistiron na creación dunha rede de saneamento e canalización de augas residuais de máis de 3.000 metros así como na construción dunha EDAR - A Vicepresidenta destacou que “estas obras de xustiza van encamiñadas a mellorar as condicións de vida de ducias de veciños no rural” e salientou que “seguimos apostando por vivir no rural e do rural”

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, e o Concelleiro de Obras de Cervo, José Ramón Soto, supervisou este luns as obras que se están a realizar en Trasbar, Corral Grande e Casa de Fando, zonas incluídas na parroquia de Castelo, que conta con máis de 200 habitantes habituais.
Estas actuacións, financiadas con 113.303 euros entre Deputación e Concello, están encamiñadas a crear unha rede de saneamento para xestionar as augas residuais destas zonas. As obras, que se atopan no tramo final de execución, están divididas en catro fases e con elas introducíronse, por unha banda máis de 3.000 metros de tubaxe para o saneamento e por outra, instalouse unha estación de tratamento de augas residuais (EDAR).
A Vicepresidenta destacou que “ estas obras son de xustiza e con elas reivindicamos a vida no rural”. Nesta liña, Méndez lembrou “o forte compromiso que esta institución provincial ten co rural” e informou que “continuaremos apostando por obras como estas; pequenas actuacións que fan un grande servizo”.
Do mesmo xeito, o Presidente da Asociación de Veciños que se achegou ata a zona destacou que “estas obras beneficiarán a preto de 100 veciños de Trasbar, ou o que é o mesmo, o 50 % dos habitantes da parroquia de Castelo”. Pola súa banda, os Concelleiros de Cervo agradeceron a colaboración da institución provincial sen a cal “non sería posible acometer estas actuacións tan necesarias para as veciñas e veciños da zona”.