Deputación de Lugo

Todo a punto para a Gala Lucus Moda 2015, a gran cita da creatividade lucense

Imaxe deputación de lugo
- As entradas están practicamente esgotadas para o evento que reunirá mañá, a partires das 21:00 horas no Círculo das Artes, a máis de medio cento de persoas entre participantes e público- A Gala comezará ás 21:00 horas, pero o público asistente poderá acceder ao Salón Regio do Círculo das Artes a partires das 20:30 horas, presentando a súa entrada

Coma vén sendo habitual dende a primeira edición, os lucenses están a volcarse novamente coa Gala Lucus Moda, con case todas as entradas dispoñibles vendidas de xeito que o cheo total está practicamente asegurado. A cita, que se celebra mañá ás 21:00 horas no Círculo das Artes, reunirá a máis de 500 persoas, entre profesionais, asistentes e medios de comunicación, asegurando o éxito dun evento que une, á súa natureza de escaparate do mellor da moda, o deseño e a artesanía lucense, o feito de ter carácter benéfico, posto que a recadación íntegra da venda de entradas irá destinada ao Fogar do Transeúnte da capital luguesa.

A sexta edición da Gala, que será presentada pola coñecida actriz lucense, Mariana Expósito, contará coa participación de 6 deseñadores, 16 firmas de artesanía e 9 peluquerías, que  amosarán as súas novas creacións, inspiradas nesta ocasión pola Mariña lucense, nun evento que se ten revelado como dinamizador do sector da creatividade lucense. Este ano, ademais, os asistentes poderán gozar do orixinal espectáculo de danza de Yolanda Paz, Le fleur.

Apertura de portas ás 20:30 horas
Se ben o espectáculo dará comezo ás 21:00 horas, o público asistente poderá acceder ao Salón Regio do Círculo das Artes a partires das 20:30 horas, que deberá presentar a súa entrada.

Antes de tomar asento, os que o desexen poderán obter un recordo do evento posando para os fotógrafos presentes no xa tradicional photocall. Todas as imaxes estarán dispoñibles posteriormente na web www.deputacionlugo.gal.

Como tamén é tradicional, os alumnos da Fundación TIC seguirán todo o que aconteza dentro e fóra da pasarela coas súas cámaras, de xeito que a gravación da velada tamén estará a disposición dos interesados na web citada, malia que tamén poderá ser visto a través das canles de televisión que emitirán a Gala en datas vindeiras.

O mellor da creatividade lucense
A Gala da Moda 2015 será posible grazas ao traballo de numerosos profesionais procedentes de toda a provincia: os deseñadores Luis Areñas; Manuel Bolaño; María Tacón; Montse Arias, Tina Cortón e Chicadecanela; as firmas de artesanía Azaia; Beatriz Valín; Carmen López; Cecilia Carballo; Cestería Viva; Corazóns Artesáns; Jara Rodríguez; M&N; Obradoiro en Lá; Yan Llan, Paula Dimé; Rappa Taller; Sra. María; Vidal Revilla, Amalgama e Traxandaina; as peluquerías Eduardo Souto Peluqueros; Miriam Souto Peluqueros; Mohama Peluqueros; Avalon Peluqueros; O Baúl da Beleza; Marta Campo; Meyva Peluqueros; Vanessa Martínez Estilistas e Blanco y Negro Peluqueros. O evento tamén conta coa colaboración de Dick&Paul; Cuplé; IES Muralla Romana; Janeiro Floristería; Lolita Blu; Ramón Rebolo; Lucus Piel Peletería; Marcos Peón, M&N Joyas; Messalina e Modesto Santa Eularia.

NOTA IMPORTANTE: Os compañeiros de prensa deberán acreditarse chamando aos teléfonos 982 260 104, 982 260 052, ou enviando un correo a gabinetecomunicacion@deputacionlugo.com.