Deputación de Lugo

Despedida de altura para o InnovaTE-2 con Enrique Dans

- O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu a conferencia do prestixioso experto que analizou o presente de Internet e as redes sociais e que agardar delas nun futuro próximo

A Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, foi hoxe a encargada de abrir Exprimiendo la red: reflexiones sobre la alfabetización digital, a xornada coa que o organismo provincial vén de pechar o proxecto InnovaTE2: Deputación Dixital, e que estivo a cargo do prestixioso profesor e blogueiro Enrique Dans. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu, por primeira vez na provincia, a este recoñecido experto que analizou polo miúdo o presente e o futuro de Internet e as redes sociais.

Méndez destacou que “o InnovaTE ten percorrido un longo camiño grazas ao que a provincia deu un cambio de 180 graos: Lugo é hoxe unha provincia máis dinámica; os lucenses están hoxe interconectados entre eles e coas institucións dun xeito máis áxil, próximo e igualitaria que nunca antes. Pero iso non significa que todo estea feito. Estou segura de que Enrique Dans ofrecerá interesantísimas claves para interpretar en clave tecnolóxica que podemos agardar para os anos vindeiros”

Dans, profesor na IE Bussines School e un dos blogueiros en lingua hispana máis destacados –conta con máis de 230.000 seguidores habituais- compartiu cos presentes os seus amplos coñecementos acerca da utilidade da rede; os novos xeitos de interactuar socialmente que esta ten introducido na sociedade ou que se pode agardar de Internet e as redes sociais nun futuro próximo.

Xunto co público que acudiu ao Salón de Actos tamén foron moitos os que puideron seguir a intervención de Dans pola rede en streaming a través de www.deputacionlugo.gal, grazas ao traballo da Fundación TIC.

Peche de ouro
Esta non é a primeira ocasión na que a Deputación de Lugo trae á provincia a prestixiosos expertos, destacados profesionais no campo das novas tecnoloxías e as redes sociais, no marco do InnovaTE. Eduardo Punset, Emilio Duró; Fernando Trías de Bes ou José Antonio Rodríguez, aínda a pasada semana, son algúns dos grandes nomes que teñen compartido con centos de lucenses os seus amplos coñecementos do mundo dixital e a comunicación ao abeiro do programa tecnolóxico da institución provincial que hoxe rematou.

Enrique Dans, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente exerce de profesor de Sistemas de Información na prestixiosa IE Business School dende o ano 1990, materia esta na que está doutorado pola Universidade de California en Los Ángeles (UCLA).

Xunto coa súa labor docente, Dans exerce de asesor tanto para compañías como para startups, en medios de comunicación en temas relacionados coa rede e a tecnoloxía. Enrique Dans destaca, ademais, como blogueiro: enriquedans.com, o eu blog persoal é un dos máis populares en lingua española en todo o mundo, rexistrando máis de 230.000 seguidores habituais.

Cofinanciado con fondos europeos
Esta conferencia pon punto final ao Innova-TE2: Deputación Dixital, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea, a través do cal o organismo provincial lugués puxo en marcha diferentes iniciativas de impulso e consolidación das TICs entre diferentes sectores da sociedade lucense, entre as que destacaron polo seu rotundo éxito aquelas destinadas aos maiores de 55 ou ao tecido empresarial da provincia.