O InLugo presenta en Becerreá a web do programa Memoria Dixital Tic-Tac
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Centro de Innovación Social InLugo, que xestiona a Fundación TIC, presentou este martes en Becerreá a páxina web do programa Memoria Dixital Tic-Tac, que recolle o primeiro banco audiovisual online de recordos de maiores da provincia: www.tictaclugo.es.
A presentación tivo lugar no Fogar Residencial O Cereixal, onde o Deputado de Xestión Territorial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, fixo entrega dos diplomas acreditativos aos 12 maiores da localidade que participaron no programa. Martínez valorou a iniciativa e destacou que grazas a ela preservamos e compartimos o legado da nosa comarca mantendo viva as historias e recordos dunha xeración de lugueses que superaron o medio século de vida. Nesta liña, subliñou que o programa serviu para introducir aos participantes no mundo das novas tecnoloxías, xa que foron eles os que gravaron cunha tablet as súas propias experiencias e aprenderon a manexar este tipo de dispositivos, tan correntes hoxe no noso día a día.
Próximas entregas de diplomas e DVDs
Memoria Dixital Tic-Tac constou dun total de 10 obradoiros, que se desenvolveron, xunto co de Becerreá, nos Concellos de Viveiro, Outeiro de Rei, Portomarín, A Pontenova, Láncara, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Fonsagrada e O Incio.
Os maiores de Viveiro recibirán o día 26 de marzo os seus diplomas acreditativos, e nas vindeiras semanas entregaranse os derradeiros aos participantes dos concellos de Portomarín e O Incio. Os dos restantes municipios xa recibiron os documentos durante a xornada de portas abertas do Abertic Maiores, celebrada o pasado mes de febreiro. Todos os participantes están a recibir como recordo un DVD que recolle o making off da gravación realizada durante os obradoiros, nos que os maiores fan de entrevistadores e cámaras para rexistrar os seus propios relatos e anécdotas.
As TIC para envellecer activamente
Este é un dos programas gratuítos que ofrece a Deputación a maiores de 55 anos de todos os Concellos da provincia co obxectivo de fomentar o envellecemento activo co emprego das novas tecnoloxías. A actuación enmárcase na liña de Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo.