Deputación de Lugo

A Deputación completará con 270.000 euros a mellora da estrada da Pobra a Carracedo, arteria fundamental de Láncara

- O Presidente anunciou o investimento para acometer a terceira e última fase das obras de ensanche e acondicionamento desta vía, que comunica a máis de 1.000 veciños- O organismo provincial xa destinou preto de 1 millón de euros a renovar 6 quilómetros da LU-P-2703, o que mellorou a seguridade e comodidade dos desprazamentos- A institución leva investido 2,3 millóns de euros na dotación e mellora de servizos e infraestruturas de Láncara dende hai 8 anos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este sábado que o organismo provincial acometerá cun orzamento de 270.000 euros a terceira e última fase das obras de ensanche e mellora da estrada LU-P-2703, da Pobra de San Xiao a Carracedo, unha arteria de comunicación do Concello de Láncara, pois une os dous núcleos máis poboados do municipio e resulta fundamental para máis de 1.000 veciños. Gómez Besteiro anunciou o investimento durante a súa visita a Láncara, na que estivo acompañado polos deputados de Medio Ambiente, Sonsoles López, e de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, e por numerosos veciños da localidade, para supervisar a segunda fase dos traballos nesta estrada, xa rematados.
A Deputación leva investidos na LU-P-2703 preto de 1 millón de euros a través do Plan de Obras e Servizos (POS). As actuacións, acometidas en dúas fases, consistiron en ensanchar 6 quilómetros da vía ata os 6 metros, e dotala de aglomerado, o material de máis alta calidade e durabilidade, sinalización e biondas, ademais de revestir varios tramos de cunetas con formigón para mellorar a drenaxe. Tras estas obras, queda un tramo de pouco máis de 3 quilómetros para completar o acondicionamento da estrada, aos que a Deputación prevé destinar uns 270.000 euros.
Esforzo inversor nas estradas provinciais
O Presidente subliñou a relevancia dos traballos acometidos, pois “melloran a seguridade e fan máis cómodos os desprazamentos dos veciños de Láncara”. Gómez Besteiro enmarcou estas actuacións no “importante esforzo inversor que fai a Deputación, non só para manter en boas condicións, senón para mellorar os 4.200 quilómetros da rede provincial de estradas, a máis extensa de toda España, e iso a pesar de que nos últimos anos tivemos que priorizar os investimentos noutras áreas, como emprego e servizos sociais, ante o deixamento das administracións que realmente teñen as competencias nestes eidos”.
Fronte ao compromiso da Deputación coa mellora da estrada provincial que une A Pobra de San Xiao e Carracedo por San Xoán de Muro, os veciños seguen botando en falta a mesma implicación por parte da Xunta de Galicia no arranxo doutra estrada fundamental na localidade, a LU-621, que une as mesmas localidades, pero por distinto percorrido. Os lancareses levan esperando 28 anos por unhas obras que solucionen as deficiencias e falta de sinalización da estrada.
2,3 millóns de euros en Láncara
O acondicionamento da LU-P-2703 forma parte dos investimentos por valor de 2,3 millóns de euros que a Deputación leva realizado no Concello de Láncara nos últimos 8 anos. Entre outras actuacións, dotouse de traída aos núcleos de Villadiga, Illoa e Cedrón, e de rede de abastecemento e saneamento a Ariz; e melloráronse os accesos de Villaesteva, Villarín, Larín, Montixo, Toirán, Piñeiroá, Castrodelo e Santa María de Lama. Os veciños dispoñen de acceso libre e gratuíto a Internet na Praza do Concello, ademais de administración electrónica, grazas ao Innova-TE, e o Concello pode aforrar uns 8.800 euros ao ano na factura da luz coa dotación de equipamentos de eficiencia enerxética por valor de 20.200 euros, que a Deputación lle instalou gratis