Deputación de Lugo

Obradoiros gratuítos de cociña e scrapbooking agardan aos máis cativos esta Semana Santa no CENTRAD

- Regina Polín presentou a programación, que ofrece 45 prazas gratuítas para nenos de 5 a 13 anos, e que se desenvolverá o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril, de 09:00 a 14: 00 horas, nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño- A inscrición poderá facerse a partir dende mañá e ata o día 25. O formulario de solicitude, dispoñible en www.deputacionlugo.gal, debe entregarse no Rexistro Xeral da Deputación

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores a nova programación de actividades organizadas esta Semana Santa polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, para os máis cativos da casa. Serán 45 prazas totalmente gratuítas en obradoiros de cociña e scrapbooking, para nenos de 5 a 13 anos, que se desenvolverán os días 30 e 31 de marzo e o 1 de abril nas instalacións do CENTRAD.

No acto, no que tamén estiveron presentes algún dos docentes destes cursos, Polín fixo fincapé no “éxito rotundo destes obradoiros, actividades tan sinaladas no calendario das familias luguesas”. A Deputada tamén sinalou a “excelente oportunidade que supoñen os talleres para que os máis pequenos da casa coñezan a tradición artesanal da provincia cunhas actividades moi diferentes das habituais. O CENTRAD encherase en Semana Santa de cativos e artesanía”.

O organismo provincial puxo en marcha estes obradoiros para que os nenos empreguen as súas épocas de ocio escolar con actividades de lecer diferente e cuns horarios que faciliten que nais e pais poidan conciliar a familia e o traballo. “Un ano máis, organizamos estes talleres para conciliar a vida familiar e laboral, dando resposta tamén ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos” destacou Polín.

Nesta edición, os participantes poderán aprender cociña e scrapbooking. Ao tempo que un grupo está na cociña, o resto elaborará os complementos necesarios para a decoración da mesa e do local. Así, os cativos de 5 a 7 anos practicarán o 1º e o 3º día a divertida e creativa técnica de decoración do scrapbooking, e o 2º día cociñarán, elaborando volováns de verduriñas, pizza e pincho de froitas.

Pola súa banda, os nenos de 8 a 10 anos, o 2º e o 3º día terán obradoiro de scrapbooking e o 1º, obradoiro de cociña saudable. Neste taller prepararán crema de verduras con picatostes, macarróns gratinados con carne e queixo, e de sobremesa, madalenas de chocolate e laranxa. Os mozos de 10 a 13 anos tamén farán scrapbooking o 1º e o 2º día, cociñando o 3º tartaletas recheas de verduras e salsa rosa, hamburguesa de tenreira en pan caseiro, e galletas de xenxibre.

A programación ten en conta as idades e as capacidades dos nenos participantes, se ben haberá dúas monitoras de apoio, ademais do propio persoal do CENTRAD, para que os nenos con necesidades especiais poidan aproveitar ao máximo estes obradoiros nos que se empregará como lingua vehicular o inglés.
Trátase, pois, dunha oferta de 45 prazas totalmente gratuítas, 15 por cada grupo de idade, e das que un 15% están reservadas para nenos con necesidades especiais. O horario será o mesmo para todos os cursos, de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas co almorzo que traian da casa os que así o desexen.

Inscricións
Para inscribirse nos Obradoiros Artesanais Infantís de Semana Santa deberase presentar o formulario de inscrición debidamente cumprimentado. O prazo será a partir de mañá ata o 25 de marzo, ambos inclusive, e o formulario poderase descargar na web www.deputacionlugo.gal a partir deste xoves. Este deberase entregar no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, en horario de 09:00 a 14:00 horas. As inscricións realizaranse seguindo a rigorosa orde de solicitude, tendo preferencia os nenos dos solicitantes que acheguen un certificado de empresa acreditando que os pais traballan nos días de celebración dos obradoiros.