Deputación de Lugo

A Deputación reforza as melloras nos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial co Plan de Rebacheo

- Manuel Martínez supervisou hoxe en Cospeito as actuacións deste plan, que se levará aos 67 Concellos lugueses e que consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos os puntos quilométricos de estradas provinciais que o necesiten - Son 115 operarios e 53 máquinas os que acondicionan as vías da Deputación na totalidade de municipios lugueses a través dos plans de Rebacheo, Conservación e do Parque Móbil - Estas programacións fináncianse cunha partida de 11,5 millóns de euros do Presuposto Provincial deste ano para a mellora de infraestruturas

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisou este mércores na LU-P-1611 ao seu paso por Cospeito as actuacións de mellora que a institución leva a cabo na rede viaria provincial a través do Plan de Rebacheo, e que reforzan ás dos plans de Conservación e do Parque Móbil. Con estas tres programacións, son 115 operarios e 53 máquinas os que se atopan distribuídos na rede viaria máis extensa de España, acondicionando os máis de 4.200 quilómetros que a compoñen e que discorren polos 67 Concellos da provincia.

Martínez explicou que, aproveitando as boas condicións climatolóxicas, a Deputación puxo en marcha nos pasados días o Plan de Rebacheo. Consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos quilométricos de estradas provinciais que o necesiten. Polo tanto, supervisarase o 100% da rede viaria provincial, que se divide en 8 zonas e que integran os 67 Concellos lugueses. O plan arrancou en vías de Cospeito, Cervo e Riotorto, municipios das zonas 1, 2 e 3. Rematas as actuacións nos 33 Concellos que forman parte destas zonas, os traballos continuarán nas restantes 5 zonas e 34 municipios. 

Encárganse da execución do Plan de Rebacheo 32 operarios e 16 máquinas. Simultaneamente, realizan máis melloras na rede viaria provincial 48 operarios e 12 máquinas a través do Plan de Conservación; así como outros 35 operarios e 25 máquinas do Parque Móbil Provincial. Compoñen un dispositivo de 115 traballadores e 53 vehículos.

11,5 millóns de euros
O Plan de Rebacheo faise con cargo á partida de 11,5 millóns de euros do Presuposto de 2015 para infraestruturas. Ademais desta programación, con este orzamento finánciase o Plan de Conservación; o Plan de Obras e Servizos (POS), que a Deputación pasou a financiar nun 65% posto que o Goberno Central suprimiu a súa achega; o Plan de Infraestruturas Veciñais ou o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), programa europeo que a Deputación de Lugo pasou o financiar nun 11% mentres a Xunta aporta o 2%.

Melloras executadas
O actual Goberno provincial triplicou o número de quilómetros con aglomerado en quente, facendo un esforzo inversor de 70 millóns de euros, e hoxe son 1.000 os quilómetros que contan con este material. Ademais de aglomerar, o Executivo de Gómez Besteiro acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como o 1º Plan de Sinalización de toda a rede viaria provincial. Outros exemplo son:

  • Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
  • Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
  • Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
  • Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
  • Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.   

Zonas da rede viaria
Para acadar un servizo máis centralizado e eficaz, a Deputación ten distribuída a rede provincial en 8 zonas, nas que se irá actuando en todas co Plan de Rebacheo.  

  • Zona 1: 530 quilómetros de vías nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
  • Zona 2: 618 quilómetros nos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
  • Zona 3: 668 quilómetros nos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
  • Zona 4: 680 quilómetros nos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
  • Zona 5: 332 quilómetros nos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
  • Zona 6: 334 quilómetros nos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
  • Zona 7: 313 quilómetros nos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
  • Zona 8: 738 quilómetros nos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.