Deputación de Lugo

A Deputación solicita un obradoiro da Xunta para favorecer a inserción laboral de 24 mozos no eido das TIC

- A acción formativa está dirixida a persoas de entre 18 e 25 anos de idade, e de ata 30 no caso de ter unha discapacidade. Recibirán 960 horas de teoría e práctica durante 6 meses, nos que percibirán 648 euros mensuais, segundo avanzou a Vicepresidenta - Nesta nova iniciativa “camiñamos da man de COGAMI”, pois a entidade social sen ánimo de lucro cede as súas instalacións de Fingoi, en Lugo, e de Monforte e Xove para impartir o obradoiro, o que facilita “ao máximo o acceso á formación” - “Queremos ofrecer capacitación en novas tecnoloxías porque é un dos sectores con maiores perspectivas de creación de emprego da nosa provincia. Cada vez máis empresas piden este perfil”, subliñou Lara Méndez

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola Vicepresidenta Segunda de COGAMI-Galicia, Mónica Álvarez San Primitivo, e polo coordinador do centro que ten esta entidade en Fingoi, Juan Antonio Gude, anunciou este mércores que o organismo provincial vén de solicitar un obradoiro de emprego da Xunta de Galicia sobre novas tecnoloxías dirixido aos mozos, “dentro do noso obxectivo de favorecer a inserción laboral dando formación e capacitación aos desempregados da provincia nas profesións con máis futuro”.

O obradoiro ten 24 prazas, destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 25 anos de idade, ou de ata 30, no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. En ambos casos deben estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen que sexa necesario que estean apuntados como demandantes de emprego. Os participantes recibirán 960 horas de formación teórica e práctica durante 6 seis meses, nos que cobrarán o Salario Mínimo Interprofesional: 648,60 euros ao mes. Ao finalizar o obradoiro recibirán o certificado de profesionalidade.

Para desenvolver esta formación contratarase a tres monitores, que desenvolverán un temario que vai dende a instalación e configuración de sistemas operativos e aplicacións informáticas, á xestión das redes sociais en empresas (web, blogs, twitter, Facebook), é dicir, formación de Communiy Manager e Marketing On line. “As TIC constitúen un dos sectores con maior potencial na nosa provincia. Cada vez máis empresas buscan perfís profesionais, no só de informática, senón tamén de xestión e posicionamento nas redes sociais”, indicou Méndez, quen lembrou que no conxunto de España “estímase que a implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación suporá a creación de máis de 200.000 empregos ata o ano 2020”.

Lara Méndez estivo acompañada na rolda de prensa na que deu conta da solicitude do obradoiro pola Vicepresidenta Segunda de COGAMI-Galicia e polo coordinador do centro que ten esta entidade en Fingoi, pois “neste novo proxecto de inserción laboral camiñamos da man da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade”. Ademais de colaborar na elaboración da proposta formativa para adaptar as ensinanzas ás necesidades de persoas con discapacidade, COGAMI cede á Deputación as súas instalacións de Fingoi, en Lugo, e as de Monforte e Xove para impartir o obradoiro, co que “facilitamos ao máximo o acceso á formación de mozos e mozas de toda a provincia”, sinalou a Vicepresidenta.

Deste xeito, o organismo provincial e COGAMI continúan “coa boa relación e colaboración que mantemos”, asegurou Méndez, quen lembrou que a Deputación lle vén de ceder gratuitamente á entidade social sen ánimo de lucro unha parcela de máis de 1.400 metros cadrados situada en fronte das súas actuais instalacións en Fingoi para que poidan ampliar a súa actividade.
Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda de COGAM-Galicia agradeceu a “colaboración e sensibilidade que mostra sempre a Deputación” con esta entidade e con outras do movemento asociativo para “traballar en favor da plena inclusión dos colectivos que estamos en desvantaxe”.
Álvarez San Primitivo precisou que, neste caso, a colaboración co organismo provincial consistiu en deseñar unha acción formativa para “mellorar as capacidades e competencias de mozos con dificultades de inserción laboral, sen experiencia e con escasa ou baixa formación, en distintos sectores das novas tecnoloxías para que poidan especializarse neste nicho de mercado cunha alta taxa de empregabilidade como é o de community manager, non só para que teñan máis oportunidades laborais, senón para que eles mesmos impulsen proxectos de autoemprego ou a través do freelance”.
O labor de COGAMI
COGAMI desenvolve un importante labor de inserción laboral. Segundo destacou Mónica Álvarez, durante o ano 2014 os seus orientadores laborais realizaron 140 entrevistas de orientación e visitaron tamén 67 novas empresas para asesoralos e informalos da inclusión laboral das persoas con discapacidade. Un total de 384 persoas con discapacidade de Lugo inseríronse ao mercado laboral en 2014, unha cifra moi superior as previsións iniciais.
En canto á formación, o ano pasado na provincia de Lugo COGAMI impartiu 7 cursos nos que participaron un total de 87 persoas, sobre atención sociosanitaria, condutor de autobús e CAP, xestión de stock, almacén e control de caixa, operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.
COGAMI forma parte do grupo Incorpora de La Caixa, un programa dedicado á inserción laboral das persoas en risco de exclusión, sendo estas persoas privadas de liberdade, persoas con discapacidade e menores tutelados. Actualmente, COGAMI xestiona un punto informativo na provincia de Lugo e nel vanse realizar durante este ano 3 cursos de formación, cada un destes con 20 prazas, para os colectivos de persoas en risco de exclusión.
Na actualidade, COGAMI está impartindo un curso de actividades de xardinería, para mediados de marzo iniciará un de operacións auxiliares de oficina e gravación de datos e para mediados de abril o curso que se impartirá, dentro do programa Incorpora, será de auxiliar de caixa e reposición.
Á espera do compromiso da Xunta
O obradoiro sobre novas tecnoloxías súmase ás 7 accións formativas e laborais da Xunta que xa solicitou a Deputación para favorecer a inserción de máis de 100 lucenses no paro. Demandou un obradoiro para converter o miradoiro de Mondoñedo en albergue para peregrinos, ademais de cursos de gandería ecolóxica e técnicas de repoboación forestal, ou cursos de dinamización educativa e comunitaria, entre outros.
“Ante os preocupantes datos do paro, con máis de 25.400 lucenses que queren traballar e non poden, esperamos que a resposta da Xunta, despois de darnos negativas os tres últimos anos, sexa por fin afirmativa e poidamos sacar adiante estas 8 programacións formativas, que complementan os plans de emprego que desenvolvemos na Deputación con fondos propios e europeos”, subliñou a Vicepresidenta provincial. A día de hoxe, a Deputación ten en marcha 5 plans de emprego diferentes con máis de 1.400 beneficiarios.