Deputación de Lugo

Gómez Besteiro califica de “novo fiasco do PP” a sentenza que confirma a legalidade do plan de emprego provincial

Imaxe deputación de lugo
- “Non se entende que nun momento de crise, no que tanta xente necesita un posto de traballo, a oposición do PP sexa loitar contra un plan de emprego. Espero que esta vez si aprendan a lección” - O Presidente destacou que “estamos ante un PP totalmente desorientado, que dispara contra todo sen sentido”

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 de Lugo vén de ditar unha sentenza que dá novamente a razón á Deputación fronte a un recurso presentado polo Partido Popular. Neste caso, o xuíz desestima o recurso impulsado pola voceira popular Elena Candia contra o programa de fomento do emprego posto en marcha pola Deputación en 2013, co que o organismo provincial destinaba axudas para a creación de novos postos de traballo aos municipios de menos de 5.000 habitantes incluídos na Rede Natura.

Á vista desta sentenza, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que “o que non se entende é que nun momento de crise, no que tanta xente necesita un posto de traballo, a oposición do PP sexa loitar contra un plan de emprego, o que agora lles din os Tribunais. Espero que esta vez si aprendan a lección”.

Gómez Besteiro calificou de “novo fiasco do PP” o feito de que o Contencioso teña desestimado, “de forma palmaria e sen deixar lugar a dúbidas”, as pretensións do Partido Popular de anular dito plan de emprego.  A ampla sentenza deixa claro que os argumentos presentados carecen de fundamento, polo que rexeita na súa totalidade dito recurso. “Os Tribunais quítanlle a razón ao PP, en todos os extremos, unha vez máis”, destacou Besteiro.

Nesta liña, subliñou que este novo revés xudicial do Partido Popular deixa claro que “estamos ante un PP totalmente desorientado, que dispara contra todo sen sentido”, tendo en conta que a Xustiza deixe claro que o plan de fomento do emprego da Deputación “fíxose de forma escrupulosa en materia de legalidade”.

De feito, o xuíz destaca que o argumento esgrimido polo Partido Popular de que a Deputación non ten competencias en materia de fomento do emprego fíxose en base a unha “interesada interpretación da lei” que o xuíz mesmo califica de “illada e descontextualizada”, xa que segundo dita interpretación tan só o Estado tería compentencias en materia de emprego, algo que o xuíz califica de “absurdo”.