Deputación de Lugo

A XUNTA DE GOBERNO INICIA O PROCEDEMENTO PARA O CESE DA PRODUCIÓN DE LEITE CON FINS COMERCIAIS NA GRANXA GAYOSO CASTRO

• A presidenta da Deputación reforza a transparencia nos pagos que realiza o ente institucional desencriptando os conceptos que mantiña ocultos o anterior goberno provincial

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu conta esta mañá dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno da institución, durante a que se formalizou o inicio do procedemento para o cese da produción de leite con fins comerciais na Granxa Gayoso Castro.
Candia considera que o peche da unidade de leite beneficia aos produtores da provincia xa que “dende unha administración pública non podemos estar a facerlles competencia desleal e menos nun contexto de sobreprodución”. Polo tanto, hoxe deuse inicio a tramitación do expediente de alleamento da unidade de leite, tras que se solicite previamente un inventario descritivo e un informe de valoración de cada unha das reses.
Dende o propio sector apoian a necesidade de sacar adiante esta proposta, ademais de que a unidade de leite da Granxa Gayoso Castro, con 60 vacas en lactación e un produción de entorno aos 400.000 quilos de leite anuais, tampouco é rendible economicamente. “Non se está a producir alimento nas 280 hectáreas de terreos das que dispón a unidade, o que obriga a compra de case toda a forraxe”.
De igual maneira, tamén dificulta a resolución do problema herdado de xestión dos residuos. Sería necesario conseguir máis terreos ou instalar un sistema de depuración co conseguinte custo económico. “Estariamos ante un problema de bioseguridade e sanidade animal para o futuro centro de recría”.
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou a contratación da venda de leite cru da Granxa Gayoso Castro, mentres non se produza o cese desta actividade, despois de iniciar hoxe o procedemento.
Máis transparencia
A presidenta da Deputación de Lugo tamén reforzará a transparencia nos pagos que realiza a Deputación desencriptando nos Decretos de Presidencia os conceptos que mantiña ocultos o anterior goberno provincial. Deste xeito, o novo goberno provincial mellora o nivel de detalle informativo dos Decretos, tras que o PSOE e o BNG os mudase e non incluíse nas facturas o concepto en virtude do cal se facía a liquidación.

Así o ordenou a presidenta da institución durante a Xunta de Goberno celebrada hoxe. O novo executivo pretende impoñer “luz” e reforzar a transparencia recuperando os conceptos polos que se realizan os distintos pagamentos, que ata o de agora estaban ocultos por decisión do anterior goberno provincial. Deste xeito, Candia está a cumprir coas recomendacións formuladas polo Valedor do Pobo que censuraban o escurantismo no que incorría PSOE e BNG.

“Incrementar e reforzar a transparencia na actividade pública debe ser unha obriga fundamental de calquera administración. Somos coherentes co que demandábamos na oposición. Ademais blindamos e garantimos o acceso á información. Os lucenses teñen dereito a saber o destino dos cartos que proceden dos seus impostos”- aclarou.

Plan Lugo Emprega
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou executar de xeito “inmediato” a sentenza do TSXG sobre o Plan Lugo Emprega, impulsado polo anterior goberno provincial do PSOE e do BNG, e que recoñece irregularidades nas bases deste plan e volver, polo tanto, a cualificar aos traballadores que impugnaron o proceso. “A sentenza firme non fora acatada polo anterior goberno e nos executarémola de maneira inmediata”.

Colaboración coa USCA presidenta da Deputación de Lugo tamén anunciou que hoxe se aprobaron dous convenios de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. O primeiro deles para a potenciación da realización dos cursos de verán que se están a desenvolver na provincia. Trátase dunha achega de 20.800 euros para o financiamento de ata 17 actividades.
O segundo dos convenios coa USC, por un importe de 30.000 euros, ten por finalidade o fomento das titulacións de mestrado no Campus de Lugo, e colabora, polo tanto, na financiación de actividades vinculadas á visibilización e promoción destas titulacións, a mellora da docencia, das convocatorias de prácticas e da empregabilidade do alumnado.
Candia lembrou que mantivo fai uns días unha reunión co reitor da USC, Juan Viaño, e co vicerreitor, Javier Bueno, e engade que a colaboración entre as dúas institucións é básica. “O principal reto e seguir construíndo unha universidade de calidade e de excelencia, capaz de ofrecer unha oferta educativa e de vangarda”.

Facilidades aos concellos e asociacións
A presidenta da institución reiterou que a máxima do novo goberno é a de promover unha administración colaboradora cos municipios, facilitándolle todos os trámites necesarios. Así, na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron varias modificacións de convenios para que o perceptor non perdese a axuda por motivos de prazos.
De igual maneira, aprobouse o gasto da subvención plurianual directa, concedida ao Concello de Riotorto, para financiar os gastos derivados do programa denominado ‘Dinamización dos Centros Veciñais de Riotorto”. Trátase dun importe de 75.000 euros correspondente a anualidade 2015 e a mesma contía a incluír no 2016.

1,5 millóns máis de fondos europeos para esta institución
Por último, hoxe na Xunta de Goberno tamén se aceptou o incremento da taxa de cofinanciación do 70% ao 80% do proxecto Innovate2 e Lugo2 provincial tras que a Dirección General de Coordinación de Competencias coas Comunidades Autónomas e as Entidades locais comprobase a existencia de remanentes. Trátase de entorno a 1,5 millóns máis de fondos europeos para esta institución