Deputación de Lugo

Augas Mestas acollerá mañá unha xornada formativa do Eixo Atlántico

Imaxe deputación de lugo
- O complexo acollerá mañá un encontro dirixido ás entidades locais integradas no Eixo no que se abordará a nova programación de fondos europeos prevista para o período 2014-2020- A Deputación vén de aprobar a concesión de Augas Mestas, onde está a executar obras financiadas con fondos europeos, poñendo en valor o patrimonio provincial logo de 10 anos sen actividade

O complexo de Augas Mestas acollerá mañá a xornada Proyectos Europeos. Cierre del período actual y principales novedades en el nuevo período de programación 2014-2020, organizada por Eixo Atlántico, na que tomarán parte interventores das entidades locais integradas neste organismo sen ánimo de lucro.

A xornada estará a cargo de Pere Lluís Fos Sebastian, especialista en auditorías de Fondos Europeos, que desempeña labores de auditor do Eixo Atlántico dende o ano 2006. O experto abordará temas de interese para as entidades locais de cara á nova programación de fondos europeos, así como a análise dos resultados acadados cos fondos concedidos no período 2007-20103 e as deficiencias detectadas nos controis posteriores.

O complexo de Augas Mestas
O encontro terá como escenario o complexo de Augas Mestas, cuxa concesión por 25 anos vén de aprobar a Deputación de Lugo, de xeito que este elemento do patrimonio provincial terá novamente un uso público, logo de máis de 10 anos sen actividade. O organismo provincial continúa executando obras de reforma en Augas Mestas, financiadas con fondos europeos, para adaptalo á normativa vixente en canto á accesibilidade e prevención de incendios, e dotalo de maior seguridade.

As actuacións estanse levando a cabo no conxunto de edificacións que conforman Augas Mestas: un edificio principal no que se atopan os servizos de cafetería e vestiarios; dúas piscinas; zona de acampada con recepción, parcelas para tendas de campaña e bugalows, xunto con outras tres edificacións da zona de aloxamento para o inverno, as cales ocupan unha superficie de case 10 hectáreas en total.