Deputación de Lugo

CANDIA REITERA O MÁXIMO INTERESE DA DEPUTACIÓN EN SEGUIR IMPULSANDO O PROGRAMA BEN EMPREGADO II

Imaxe deputación de lugo
A presidenta da Deputación de Lugo presidiu esta mañá o acto da toma de posesión dos doce traballadores que prestarán servizos na institución para encargase da xestión da súa segunda fase • O goberno popular está a desenvolver o seu traballo “con normalidade e sen darse ningún tipo de paralización no procedemento”• A presidenta da Deputación deu a benvida ao funcionarios interinos e desexoulles unha estadía proveitosa nesta institución e “que eles acerten no seu traballo, vai repercutir positivamente no emprego desta provincia”

Luns, 20 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, presidiu esta mañá o acto da toma de posesión dos doce traballadores que prestarán servizos na institución provincial e que se encargarán da xestión do Ben Empregado II. “Temos o máximo interese en seguir impulsando esta plan e se están a seguir os prazos ordinarios do procedementos con normalidade e sen darse ningún tipo de paralización no procedemento”

A presidenta provincial deu a benvida aos seis axentes de Titoría e Dinamización Empresarial, así como ás outros seis axudantes destes axentes, que realizarán labores de titoría, asesoramento e asistencia continuada e específica ás empresas da provincia beneficiaras do Ben Empregado II, así como aos seus traballadores seleccionados a través deste plan.

Candia desexoulles “unha estadía proveitosa nesta institución” a estes profesionais que tomaron posesión como funcionarios interinos, tras superar un proceso por concurso-oposición. A toma de posesión destes doce funcionarios demostra que o traballo nesta institución e co goberno popular “se está a dar con toda normalidade, e a tramitación do plan segue os prazos establecidos, sen darse ningún tipo de paralización”, explicou a responsable da institución.

Candia engadiu que é necesario ter en conta a complexidade deste proceso xa que “estamos a falar de 307 perfís, para os que se rexistraron unhas 1.700 solicitudes, e cuxo prazo de inscrición finalizou o pasado 4 de xullo. “Dende a Deputación temos o máximo interese para que o estudo das solicitudes finalice o antes posible, pero o amplo número de solicitudes é xustificativo desta dilación no tempo. En ningún momento se interrompeu a xestión do goberno e este é un paso máis”

Unha institución comprometida

A presidenta da Deputación explicou que a “nosa prioridade son as persoas desta provincia, como viñemos demostrando ata agora, prescindindo de gastos superfluos, e o fomento do emprego e o traballo nesta área sempre será un compromiso do goberno popular”.
Por último, Candia quixo agradecer o compromiso dos traballadores e funcionarios da institución que permiten que traballo desta institución “se estea a desenvolver dentro da normalidade”.

PSOE desleal

En relación coas críticas da oposición desde o organismo provincial lamentaron a “deslealdade permanente” na que parece terse instalado o PSOE e que se traduce nun intento permanente de “intoxicación á opinión pública” cuestionando o compromiso do novo equipo de goberno coa creación de emprego na provincia

“O PSOE en vez de estar pervertendo a realidade e poñendo deberes aos demais tería que explicar como non estableceu os procedementos precisos para dar solución eficaz a este importante número de lucenses que se interesaron por participar no plan. Os participantes poden ter a seguridade de que todo o proceso sairá adiante, a pesar do PSOE, e que a Deputación de Lugo seguirá apostando por medidas para combater o paro, desde a colaboración cos concellos e outras administracións”.

Por último, a presidenta da Deputación criticou o nerviosismo dos socialistas que os está a levar a xerar alarma entre os cidadáns e se houbo desidia e paralización “foi no anterior goberno provincial, que tardaron ata meses en realizar as primeiras contratacións dende que se finalizou o prazo de rexistro da solicitude”.