Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN ESTUDA ABRIR LIÑAS DE AXUDA A PERSOAS CON DISCAPACIDADE E PERCEPTORAS DE PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS

Elena Candia explica que se tratará dun bono social para atender ás necesidades prioritarias de persoas con dificultades para traballar por problemas de saúde e nunha situación económica precariaDurante a visita ao centro de FUDACE, a presidenta da administración provincial destacou que o compromiso cos máis necesitados é unha das prioridades do novo goberno, xunto á cooperación cos concellos, e adiantou que se está a analizar a posibilidade de sacar adiante esta convocatoria

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, adiantou hoxe que dende a administración provincial están a estudar a apertura de liñas de axuda a persoas con discapacidade e perceptoras de pensións non contributivas.
Candia adiantou esta proposta que, posiblemente se desenvolverá a través dun bono social, e se dirixirá a atender ás necesidades prioritarias de persoas con dificultades para traballar por problemas de saúde. A presidenta provincial engade que a través desta iniciativa se teñen en conta a beneficiarios imposibilitados para traballar ou con dificultades para atopar emprego e que, a maiores, teñen acreditada a súa falta de ingresos.
Candia deu estas declaracións tras a visita que esta mañá fixo ás instalacións que a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE) ten en Castro Ribeiras de Lea, onde a presidenta destacou que o compromiso cos máis necesitados, xunto á cooperación cos concellos, é unha das prioridades do novo goberno.
Visita instalacións de FUDACE
De igual maneira, a presidenta da Deputación de Lugo reafirmou hoxe o compromiso da institución coa Fundación de Dano Cerebral para axudar a mellorar e incrementar os servizos que presta e, neste senso, trasladou a total dispoñibilidade do ente provincial para continuar a involucrarse co proxecto que está a desenvolver FUDACE.
A presidenta lembrou que a institución provincial está a colaborar co proxecto da Fundación de Dano Cerebral para deixar o complexo nas mellores condicións posibles a través dunha subvención de 100.000 euros, concedida neste ano, para os custes da instalación dun novo sistema de autoxeración de enerxía eléctrica.
“Quixen visitar este centro para coñecer de primeira man o funcionamento da Fundación, que froito do seu traballo e compromiso conta hoxe cun complexo asistencial para estas persoas, con 16 camas de residentes que atenden ao usuarios os 365 días do ano e cunhas instalacións que reúnen unha condicións destacables e nas que se está a traballar”, matizou.
Polo tanto, durante a reunión Elena Candia trasladoulle ao presidente de FUDACE, Luís Abelleira, o compromiso do novo equipo de goberno para continuar a involucrarse con este proxecto e, polo tanto, emprazáronse a estudar novas liñas de colaboración.
O benestar, unha prioridade
O novo equipo de goberno da Deputación de Lugo centra o benestar, xunto á cooperación cos concellos, como unha das súas prioridades á hora de xestionar os fondos provinciais. Así, entre as primeiras medidas que está a asumir o executivo provincial toman especial protagonismo as vinculadas coa atención aos máis necesitados.
Neste senso, a presidenta da institución lembrou o incremento en medio millón de euros da achega que se destina ao Servizo de Axuda no Fogar ou que a Deputación cubrirá o custo total do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria.
A maiores, Elena Candia tamén referenciou que dende a Área de Benestar se están a manter reunións coas asociacións co obxecto de favorecer o acceso e a participación dos colectivos sociais nas axudas públicas.
E por último, a presidenta provincial anuncia que se está a traballar no deseño dunha liña de axudas que beneficiará a persoas con discapacidade e que se atopen nunha situación de dificultade económica.