Deputación de Lugo

CANDIA E O PRESIDENTE DE COGAMI ABORDAN NOVAS VÍAS DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE INCLUSIÓN SOCIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A presidenta da Deputación provincial recibe aos responsables de COGAMI para coñecer a súa actividade de atención social, formativa e de inserción laboral No que levamos de 2015 a Deputación de Lugo ten destinado 27.000 euros a distintos proxectos impulsados por esta entidade social, apoios que prevén ampliarse no futuro con novas iniciativas

21 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, recibiu a Anxo Queiruga, presidente de Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, que aproveitou o encontro para presentar a súa memoria de actividades e coñecer as liñas de traballo que, no ámbito da inclusión social, ten previsto desenvolver o novo equipo de Goberno provincial.

Candia insistiu na importancia de abordar novas vías de colaboración con esta entidade social sen ánimo de lucro, para xuntos dar novos pasos adiante no camiño de mellorar o benestar das persoas con discapacidade da provincia, traballar pola súa integración plena na sociedade e pola igualdade efectiva de oportunidades.

A presidenta provincial puxo en valor o traballo desenvolvido por COGAMI unha entidade que vén de celebrar o seu 25 aniversario, e cuxa traxectoria está avalada por vivencias, experiencias e moito traballo e iniciativas polos dereitos das persoas con capacidades diferentes e por unha sociedade máis inclusiva.

Candia e os responsables de COGAMI repasaron distintos proxectos como o programa de mellora da mobilidade rural, posta en valor dos centros socioculturais da provincia de Lugo, os programas de apoios ás entidades culturais e distintas iniciativas de rehabilitación, promoción da autonomía persoal e atención á discapacidade.

APOIOS DA DEPUTACIÓN
No que levamos de 2015 a Deputación achegou 27.000 euros, a través da área de Benestar, para impulsar diversos proxectos promovidos por COGAMI como son o obradoiro prelaboral para persoas discapacitadas e a subvención para contratación da traballadora social encargada do proxecto de dinamización asociativa.