Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN CONCEDE 50.000 EUROS Á ASOCIACIÓN LUCENSE DE AXUDA A ENFERMOS MENTAIS

Xuntanza entre a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, a vicepresidenta segunda, Mari Teijeiro, e o presidente de ALUME, Manuel Fernández Prado• Trátase dunha subvención excepcional plurianual, polo que a entidade recibirá 8.000 euros nesta anualidade e 42.000 o vindeiro ano• Con esta axuda, ALUME levará a cabo diversas obras, entre as que figuran o acondicionamento do local, melloras no sistema eléctrico e no de ventilación

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, trasladoulle ao presidente de ALUME, Manuel Fernández Prado, que o Organismo Provincial colaborará coa Asociación, concedéndolle unha subvención excepcional plurianual de 50.000 euros para acondicionar o local. Entre as obras que a Entidade sen ánimo de lucro levará a cabo figuran as melloras no sistema eléctrico, as reformas das paredes e sistemas de ventilación.
A presidenta avanzou que ao trátase dunha subvención excepcional plurianual, a axuda repartirase en dúas anualidades, polo que este ano ingresaranse 8.000 euros e no vindeiro ano os 42.000 euros restantes.
Candia manifestou que a Deputación de Lugo responde así ás peticións de ALUME que logo do progresivo aumento de usuarios viuse na necesidade de cambiar de local asistencial por cuestións de capacidade e operatividade. Neste senso, lembrou as 50 prazas concertadas co SERGAS que ten a Asociación na cidade da muralla e as máis de 70 persoas ás que atende regularmente.
Lembrou tamén a presidenta os máis de dez programas de atención que poñerá en marcha esta entidade, que non so se limitan aos usuarios que acoden ao centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, senón tamén ás persoas que sofren estas doenzas e que están ingresadas en centros penitenciarios ou se atopan sen teito na rúa.
Candia resaltou o gran traballo que está a facer ALUME, colaborando na promoción, recuperación e integración social e laboral das persoas que padecen enfermidade mental crónica contribuíndo a mellorar a súa asistencia e calidade de vida e o labor que fai no eido da igualdade e prevención de violencia de xénero.
O anuncio desta subvención faise logo da xuntanza mantida entre a presidenta da Deputación, Elena Candia, a vicepresidenta segunda e deputada delegada de Benestar, Igualdade e Xuventude, Mari Teijeiro, e o presidente de ALUME, Manuel Fernández Prado.