Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN IMPLÍCASE CON PROXECTO HOME E ADQUIRIRÁ UNHA OBRA DA SÚA EXPOSICIÓN PARA A REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL

A vicepresidenta asistiu á exposición ‘Arte e Solidariedade’ organizada pola entidade Proxecto Home Galicia• Mari Teijeiro agradeceu o traballo desta entidade, que conmemora o seu 25 aniversario, á que se referiu como un “gran piar” para moitas familias

A vicepresidenta de Deputación, Mari Teijeiro, asistiu hoxe á inauguración da exposición ‘Arte e Solidariedade’, organizada pola entidade Proxecto Home. A responsable de Benestar da institución anunciou o compromiso da administración provincial para “aportar o noso grao de area, que será mediante a adquisición dunha obra para a rede museistica provincial”.
Teijeiro agradeceu o traballo desta entidade cunha importante traxectoria histórica, (conmemora os seus 25 anos), no apoio ás persoas que dan o paso e deciden abandonar as drogas e “vos mellor ca ninguén sabedes que sodes tamén un piar para as moitas familias que en algún momento buscaron a vosa axuda e atoparon unha saída ao problema dos seus familiares”.
A vicepresidenta da Deputación lembrou que unha das prioridades do actual Goberno da institución provincial “é o benestar social da cidadanía e unha das bases fundamentais para lograr ese benestar sodes as entidades sociais que día a día traballades para dar cobertura a moitas necesidades específicas dos diferentes colectivos que conforman a nosa sociedade”. Teijeiro engadiu que “sodes as entidades sociais e o movemento asociativo, un referente para moitas familias e para persoas que sofren desigualdade, discriminación, illamento ou diferentes problemas de índole social”.
Por último, a responsable de Benestar felicitou a Proxecto Home pola exposición ‘Arte e Solidariedade’ e desexoulle que serva de “axuda ao financiamento dos vosos programas” ao mesmo tempo que animou a toda a poboación “a visitar a exposición e a colaborar con esta causa”.
Presentación Máster en Dirección de Proxectos
A vicepresidenta da Deputación tamén asistiu á presentación do Máster en Dirección de Proxectos da USC, onde recalcou a colaboración da administración provincial coa universidade e nesta liña “aportar o noso grao de area para sumar e favorecer que cursos coma o que hoxe se presenta, se podan realizar no Campus de Lugo”.
Por último, Teijeiro desexoulles aos alumnos que “esta formación serva de proxección e especialización profesional e que lle quitedes o maior rendemento posible e aproveitedes a ensinanza dos mestres das tres universidades galegas, cunha bagaxe e experiencia demostrada e, polo tanto, darvos ánimo e que este máster sexa unha chave para unha mellora no eido formativo e sobre todo na vosa faceta profesional e laboral”.