Deputación de Lugo

CANDIA: “A MAIOR FORMA DE XERAR RIQUEZA NA NOSA PROVINCIA É PROMOCIONAR OS PRODUTOS QUE AQUÍ SE CULTIVAN E AOS PROFESIONAIS QUE OS ELABORAN”

A Deputación de Lugo colabora por primeira vez na promoción do turismo e dos produtos da provincia na volta ciclista a España• A presidenta do Organismo Provincial ve nesta iniciativa un escaparate idóneo para Lugo e para que os seus produtos sexan coñecidos e degustados a nivel internacional• Manifestou que a Institución colaborará sempre neste tipo de accións para que a promoción redunde en xerar riqueza na provincia lucense

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia e o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, acompañados de representantes de produtos típicos da provincia lucense, presentaron esta mañá o stand promocional da provincia de Lugo na volta ciclista a España 2015.
Trátase da primeira vez que o Organismo Provincial colabora nun acontecemento deportivo de carácter internacional e que fará que os produtos típicos da provincia sexan coñecidos e degustados a nivel mundial.
A presidenta incidiu en que a maior forma de xerar riqueza na nosa provincia é promocionar os produtos que aquí se cultivan e aos profesionais que os elaboran e salientou que Lugo ten a maior materia prima e uns grandes profesionais- en referencia aos hostaleiros-, para facer posible isto.
Neste senso, Candia salientou esta gran oportunidade para que os produtos da provincia sexan coñecidos e degustados en todo o mundo e augurou unha experiencia moi productiva para a proxección da imaxe de Lugo fora de Galicia.

“A Deputación de Lugo sempre colaborará neste tipo de accións, porque o máis importante da nosa provincia é que xere riqueza”- manifestou.
Colaboran neste evento, organizado pola Asociación de hostalería e co que colabora a Deputación de Lugo: os consellos reguladores da DO Ribeira Sacra, IXP Ternera Gallega, DOP Queixo Arzúa-Ulloa, DOP Queixo San Simón da Costa, DOP Queixo do Cebreiro, IXP Pataca de Galicia, IXP Castaña de Galicia, IXP Grelos de Galicia, IXP Pemento de Mougán, DOP Lacón Gallego, IXP Mel de Galicia e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como as asociacións de produtores Asoporcel, Avimós, Asovega, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela e galletas Daveiga.