Deputación de Lugo

Mil maiores da provincia puxéronse ao día coas novas tecnoloxías nos 94 cursos organizados en 2015 polo InLugo

- Xa está programada a celebración doutras 12 actividades nas instalacións do InLugo, nas que poderán participar outros 180 maiores. As inscricións ábrense o 11 de xaneiro - Os cursos tiveron un enorme éxito nos 30 Concellos nos que se realizaron, xa que permitiron ás persoas maiores traballar a memoria, atención, linguaxe cálculo a través de móbiles, consolas  e tablets para mellorar a súa calidade de vida e fomentar o envellecemento activo

InLugo achegou as novas tecnoloxías a un total 1.000 maiores da provincia a través de formación gratuíta destinada a fomentar o envellecemento activo. Así o informou a vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, no balance realizado este luns sobre as actividades do InLugo. Porto aproveitou tamén para informar dunha nova convocatoria de 12 cursos para o ano que comeza. “Ao longo de 2015, a Fundación Tic organizou 94 cursos en máis de 30 concellos e parroquias da provincia, nos que houbo un total de 1657 inscricións, debido a que algunhas persoas se apuntaron a varios cursos”.  Os cursos tiveron un enorme éxito e foron moi valorados polos Concellos, xa que permitiron ás persoas maiores traballar a memoria, atención, linguaxe cálculo e familiarizarse coas novas tecnoloxías, moi útiles no seu día a día.

As sesións formativas celebráronse ao longo do pasado ano nas propias instalacións do InLugo, en Consistorios, centros sociais e residencias de maiores duns 30 Concellos do norte, sur e centro da provincia. Foron accións formativas sobre Internet, manexo de móbiles, redes sociais ou fotografía, entre outros moitos, nos que traballadores da Fundación TIC ensinaron os maiores como desenvolverse coas novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida e fomentar o envellecemento activo.

Os cursos do InLugo teñen máis e máis demanda cada ano. Por este motivo, no 2016 a Fundación TIC continuará coa  encomenda de xestión do Centro de Innovación Social, que está dotada de 150.000 euros, para organizar máis cursos con persoal e medios materiais da TIC. 

De feito, a Deputación de Lugo ten programada a celebración doutras 12 actividades nas que poderán participar outros 180 maiores.

Son os seguintes cursos:
-          Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador;
-          Mantemos en forma o cerebro coa Wii
-          Que son as redes sociais: descobre Facebook
-          Atréveste con Internet? Axudámosche (2 edicións);
-          Ximnasia mental coa Tablet
-          Escribe no teu ordenador empregando un editor de texto
-          Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa Tablet
-          O carteiro en internet: que é o correo electrónico
-          Organízate co teu móbil
-          Exercicio mental co ordenador
-          e Avanza e coñece todo o que poidas facer co teu smartphone.

Neste caso, terán lugar nas instalacións do InLugo. Abriremos o prazo de inscrición o vindeiro luns, 11 de xaneiro. Coma sempre, os interesados poderán anotarse acudindo ás propias instalacións, chamando ao 982-22-51-86 ou na web da Funación TIC.