Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a investigación na provincia a través do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía

Imaxe deputación de lugo
Caixa Rural Galega, Deputación, CEL e USC renovan o convenio para o financiamento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, dotado con 60.000 euros

O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da USC xestionou durante o trienio 2012-2014 fondos por un importe total de 15 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de investigación, actividades formativas e outras actuacións, segundo adiantou o reitor da USC, Juan Viaño, no acto de sinatura de renovación do convenio para o mantemento desta oficina da Vicerreitoría de Investigación da USC no campus lugués.

Viaño salientou que o balance de captación de fondos por parte do CITT durante o último trienio depara un incremento do 9% na captación de recursos de I+D+i respecto do trienio 2011-2013. Estes resultados constitúen un indicador claramente positivo, dixo o reitor da USC antes de proceder á sinatura da renovación do convenio, un acto no que tamén participaron o presidente en funcións de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; a deputada provincial María Loureiro e o secretario xeral da CEL, Jaime López.

Logo dunhas verbas en lembranza de José María Pardo Montero, presidente de Caixa Rural Galega recentemente finado, o reitor da USC reiterou o agradecemento da institución académica compostelá a Caixa Rural Galega, así como á Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), polas súas achegas económicas e colaboracións que fan posible e viable o funcionamento do CITT do campus de Lugo.

O convenio para o mantemento dunha oficina de transferencia de tecnoloxía no Campus de Lugo remonta a súas orixes a 1995, e contribúe a situar á USC na vangarda da transmisión de coñecemento e tecnoloxía á contorna social. Temos que destacar o importante cometido desenvolvido polos técnicos que traballan no Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do campus de Lugo da USC, recoñeceu Viaño, ao tempo que agradeceu a indispensable achega das entidades que apoian este convenio, que ten unha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega aporta 50.000 e a Deputación de Lugo, 9.500.

O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC é un piar básico nos cometidos de I+D+i impulsados e desenvolvidos no campus de Lugo, tal e como o corroboran as 216 actividades xestionadas por este órgano. Os fondos captados e xestionados polo CITT tamén fixeron posible a contratación de 13 persoas con cargo a convocatorias de concorrencia competitiva e outras 130 persoas con cargo a outros proxectos e actividades de investigación.

En comparación co ano 2013 destaca o incremento na captación de fondos europeos, de proxectos e accións financiadas pola Xunta de Galicia e de proxectos e outras actuacións do Plan Estatal de I+D+i. As accións desenvolvidas con cargo a estes fondos teñen unha grande repercusión e impacto na sociedade, polo que o actual equipo de goberno da USC está a traballar na mellora dos recursos de investigación no campus de Lugo.

Neste senso, Viaño indicou que a USC vén de inaugurar no mes de xuño as novas instalacións da Aula de Productos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, o que supuxo un investimento de 10 millóns de euros. En outubro, engadiu o reitor, a USC asinou o convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para comezar a desenvolver o plan estratéxico do Campus Terra, que, entre as accións previstas, recolle actuacións nas infraestruturas de investigación do campus e tamén nos recursos humanos de apoio as actividades que desenvolve o CITT.

O presidente en funcións de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, destacou o alto grao de satisfacción que supón para Caixa Rural Galega poder contribuír ao desenvolvemento do I+D+i en Galicia a través deste convenio coa USC, ao tempo que expresou a firme vontade da entidade que preside por dar continuidade no futuro a esta colaboración.

A deputada provincial delegada das áreas de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidades, María Loureiro García, destacou que “esta iniciativa, que conta cunha achega por parte da Deputación Provincial de Lugo de preto de 10.000 euros, complementa a moitas outras que impulsamos coa USC, como é, por exemplo, o Plan de choque a prol do campus de Lugo”.

Neste liña, Loureiro explicou que dentro das 13 medidas que contempla este plan, hai iniciativas de impulso da investigación e divulgación científica e captación de talento, entre outros. Loureiro García reiterou asemade a total colaboración e dispoñibilidade da Deputación neste tipo de proxectos, “que serven para situar á nosa provincia no lugar que lle corresponde” destacou.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois, e o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, tamén asistiron ao acto de sinatura do convenio para o mantemento do CITT do campus de Lugo.