Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba o proxecto e inicia a contratación do aparcadoiro e zonas axardinadas na nova sede da UNED

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación reclama ao Concello das Nogais o reintegro do financiamento correspondente por unha obra do POS que certificou e non executou na súa totalidade -  Aprobadas 3 accións formativas para 45 desempregados lucenses e a contratación de 4 persoas que estaban no paro en empresas da provincia a través do Ben Empregado - O organismo provincial súmase á Plataforma de Licitación Electrónica da Administración Local para ofrecer máis facilidades ás empresas á hora de participar nos seus procesos de contratación

A Xunta de Goberno desta venres aprobou o proxecto e o inicio do proceso de contratación das obras de dotación de aparcadoiro e zona axardinadas na nosa sede da UNED na capital lucense. Contan cun orzamento máximo de 260.000 euros, que se inclúen na partida de 2 millóns de euros para a construción do que será o centro referencial da  Universidade Nacional a Distancia no noroeste de España. O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, adiantou que estas actuacións, que son as derradeiras por levar a cabo, estarán rematadas en setembro, tendo listas estas instalacións para o vindeiro curso 2016-2017.

Obras nas Nogais
Santos Ramos explicou que nos pasados días a Deputación recibiu unha denuncia, na que se alertaba da non execución das obras de “instalación de suxeitacontenedores en núcleos rurais das Nogais”. Son actuacións incluídas no POS 2015. A contratación e execución das obras desta programación é responsabilidade dos Concellos, que teñen que acreditar a súa finalización para poder recibir, posteriormente, o orzamento que lles corresponde por parte do organismo provincial. A Deputación ofrece aos municipios a posibilidade de delegar todo este proceso no organismo provincial, aínda que, na práctica maioría dos casos, nunca fan uso desta vía de colaboración. 

No caso das Nogais, o Concello asumiu a contratación e execución, e entregou na Deputación a documentación que certifica a finalización destes traballos, recibindo, polo tanto, os 11.000 euros que lle correspondían.

O voceiro explicou que, unha vez rexistrada dita denuncia na Deputación, a obriga da institución é investigar estes feitos. Así o fixeron os técnicos de Vías e Obras, comprobando que, en contra do certificado polo Concello, hai obras sen realizar e outras que se están a executar agora, unha vez xa recibido o orzamento provincial.

Por este motivo, hoxe a Xunta de Goberno aprobou iniciar o expediente de reintegro á Deputación polas actuacións non executadas e financiadas.

“Non xudicializar vida pública”
Recibidas preguntas dos xornalistas, o Goberno Provincial aclara que a Deputación de Lugo decidiu empregar a vía administrativa para solventar estes feitos porque “é a primeira á que, por responsabilidade, debemos recorrer todas as entidades públicas, pois esta contempla a obriga da inmediata devolución dos cartos públicos, que é o que interesa aos cidadáns, no caso de non facer un bo uso dos mesmos. Así o establecen os artigos 37 e 42 da Lei Xeral de Subvencións de 2003, que tamén contempla posibles sancións para os presuntos incumpridores. Empregar a vía xudicial, prolongaría no tempo este caso, demorando o reintegro deste investimento; feito que vai en contra dos intereses dos cidadáns e da Deputación”.

“Trátase de non xudicializar a vida pública á lixeira, cando hai vías ao noso alcance para resolver estes feitos. É cuestión de responsabilidade”. O Goberno Provincial lembra que tamén optou por esta vía no caso da constitución irregular da Xunta de Goberno por parte do Executivo de Elena Candia. Na actualidade, estanse a investigar estes feitos a través dunha revisión de oficio, que se leva a cabo dende a propia administración. O Goberno Provincial decidiu non continuar co recurso presentado antes de chegar á presidencia, cando non dispoñía da posibilidade de elaborar unha revisión de oficio, que ten que iniciar en todo caso o goberno. Con todo, si a solicitou ao executivo de Elena Candia por aquel entón, á que agora se lle está dando trámite. O Goberno Provincial destaca que empregará a vía administrativa sempre que sexa posible para resolver outras dúbidas legais, como outras desveladas durante o etapa de Elena Candia na presidencia.
Emprego
A sesión resolveu a contratación de 4 desempregados da provincia, que comezarán a traballar noutras tantas empresas e entidades da provincia a través do Ben Empregado. Trátanse dun camareiro e dun comercial que retomarán a súa vida laboral en Meira; dun mecánico de vehículos en Riotorto e dun asesor de medidas PDR en Monterroso. Tamén se aprobou unha nova empresa beneficiaria desta programación de emprego. É unha entidade de Sarria, que solicita un Licenciado en Matemáticas con experiencia en docencia. Este posto publicarase na Bolsa de Emprego da Deputación nas vindeiras semanas, abrindo un prazo de 10 días para a presentación de solicitudes. A Xunta de Goberno aprobou 3 novas accións formativas para 45 desempregados lucenses sobre gandeiría ecolóxica, xestión de repoboación forestal e dinamización comunitaria.
 
Plataforma de Licitación Electrónica da Administración Local
A Xunta de Goberno aprobou a adhesión da Deputación de Lugo á Plataforma de Licitación Electrónica da Administración Local, que se enmarca no Proxecto LEAL da Xunta de Galicia. “Isto permitiranos ofrecer máis facilidades ás empresas da provincia para participar nos procesos de contratacións desta institución. Pois, neste espazo web estará toda a documentación e información necesaria para facelo de xeito moito máis sinxelo e áxil. Ademais, é unha maneira de incrementar a transparencia na xestión pública”, explicou Santos Ramos. O voceiro adiantou que o vindeiro martes técnicos da Deputación manterán un encontro cos da Xunta para avanzar nesta adhesión.