Deputación de Lugo

A Deputación ofrece aos gandeiros asistencia xurídica para o cumprimento dos contratos lácteos

- Resoltas as axudas de 250.000 euros para a recuperación e posta en produción de 500 hectáreas en desuso; e as de 630.000 euros de Deportes para Concellos e clubes - Evítase o derribamento dunha vivenda en Chantada coa aprobación pola vía de urxencia do plan sectorial da delimitación do núcleo rural onde se sitúa. É unha das competencias que 13 Deputados aprobaron trasladar da Xunta de Goberno ao Pleno - Aprobado o convenio do saneamento e alumeado no Piornedo, dotado de 180.000 euros de Deputación e Concello; e o da creación de 3 prazas wifi na capital

A Deputación convértese na primeira administración pública de Galicia que ofrece gratis aos produtores de leite un servizo de asesoramento xurídico para controlar o cumprimento dos seus contratos. Faino logo de que a Xunta de Goberno deste venres aprobase a adxudicación polo réxime de concorrencia competitiva de axudas de 149.900 euros para a posta en marcha desta prestación a través de organizacións de produtores lácteos, que recibirían o 20% deste orzamento. Presentouse a este procedemento unicamente Unión Leiteira Galega, resultando ser a adxudicataria.

Esta organización porá a disposición dos gandeiros un equipo de profesionais que lle ofreza gratuitamente asistencia e asesoramento xurídico, técnico e administrativo co que facer un rigoroso seguimento dos seus contratos pola venda de leite. O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, indicou que “hai que ter en conta que son ducias e ducias as denuncias dos gandeiros polo incumprimento por parte das industrias dos seus contratos. Polo tanto, con este servizo queremos ofrecer unha solución a estes profesionais”.

Con todo, “a solución definitiva aos problemas que sofren os produtores de leite pasa pola implicación real do Goberno Central, que debería obrigar á industria a negociar coas organizacións de gandeiros os contratos do leite. É de xustiza, que o Ministerio faga partícipes aos produtores de leite na negociación dos seus contratos. Pero non o fai. Todo o contrario. É evidente que os mantén á marxe. Á vista está o mal chamado acordo lácteo, que non é máis que papel mollado. O mellor exemplo delo son os seus resultados. O prezo do litro do leite nos supermercados aumentou un mínimo de 4 céntimos, que non está a repercutir no peto dos gandeiros”, subliñou.

Máis axudas para o sector primario
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou axudas de 250.000 euros para a recuperación de 500 hectáreas de terras abandonas. Son 84 os profesionais do sector agrogandeiro beneficiados. Así o adiantou o Vicepresidente, Antonio Veiga Outeiro, que explicou que estas axudas forman parte do plan de posta en valor do sector primario e o rural.
Deportes
Veiga deu conta da resolución das axudas de concorrencia competitiva da área de Deportes por valor 630.000 euros. Son 701 beneficiados, das cales 113 son para Concellos (130.000 euros) e 588 clubes deportivos da provincia (500.000 euros).

Pazo dos Deportes
O Vicepresidente adiantou que a área de Deportes creará un baremo obxectivo co fin de mellorar o uso dos espazos deportivos da Deputación de Lugo de cara a tempada 2016/2017. Veiga salientou que “pese ao desgoberno deixado polo Partido Popular, comprometémonos a realizar un baremo técnico ao cal poderán facer aportacións todas as entidades e asociacións deportivas que así o desexen co fin de garantir o correcto funcionamento das instalacións. O baremo aplicarase na vindeira tempada, xa que entendemos que alterar os cadros de horario de actividades a estas alturas do calendario pode conlevar graves problemas aos nenos, nenas e demais participantes”.

Evítase o derrubamento dunha vivenda en Chantada
A Xunta de Goberno aprobou pola vía de urxencia o plan sectorial da delimitación dun núcleo rural en Chantada. Santos Ramos explicou que isto permite ao Concello convocar un Pleno Extraordinario para ratificar este acordo e evitar o derrubamento dunha vivenda, pois hai conta cunha orde inmediata de derribo. O voceiro salientou que esta competencia é unha das que 13 Deputados acordaron trasladar da Xunta de Goberno ao Pleno Provincial. Isto suporá a demora da aprobación destes trámites.

Saneamento e alumeado no Piornedo
Tras rematar coa reparación dos teito das Pallozas; a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes para as obras de saneamento e alumeado do Piornedo. O orzamento de 180.000 euros, dos que a Deputación achega 160.000 euros e o Concello 20.000 euros.
 
3 Prazas wifi en Lugo
Tal e como avanzou o Presidente tras a reunión coa Alcaldesa de Lugo; hoxe desbloqueouse o convenio da Deputación co Concello da capital luguesa para converter ás prazas Maior, Anxo Fernández e Campos Castelo en prazas wifi, pois aprobouse na Xunta de Goberno. Agora tamén será ratificado polo Concello para logo levalo a cabo. O prazo máximo de execución é de 6 meses. O orzamento é de 22.000 euros, financiados pola Deputación. Instalanse 6 puntos wifi: 2 na fachada do Consistorio lugués e 2 onde está o templete, para conectarse á Rede dende calquera punto da Praza Maior; outros 2 na parte de atrás do Casa do Concello, para facer o mesmo nas prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo. A conexión, que se poderá facer dende calquera dispositivo móbil (teléfono, táblet…), será libre e gratuíta.

Ben Empregado
A sesión aprobou a contratación doutros 3 desempregados lucenses a través do Ben Empregado; e a incorporación a esta programación doutras 15 novas empresas e asociacións da provincia, que ofrecerán 17 novos postos de traballo.