Deputación de Lugo

A Deputación inicia o proceso de adxudicación do alumeado público no Piornedo

Imaxe deputación de lugo
- A Xunta de Goberno aproba o convenio de 1,4 millóns de euros para dotar de alumeado público o Paseo do Rato - Aprobadas as obras na Ponte do Bizarro, en estradas municipais do Pedregal de Irimia e no centro de saúde e casa da cultura de Trabada
A Xunta de Goberno deste venres aprobou iniciar o proceso de adxudicación das obras de dotación de alumeado público no Piornedo. O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, adiantou que nos vindeiros días se publicará a convocatoria no BOP e no Perfil do Contratante para que as empresas presenten ofertas. Poderán facelo durante 26 días naturais. Os traballos están dotados de 96.000 euros, financiados practicamente pola Deputación, pois o Concello de Cervantes achega o 5% desta cantidade. O prazo de execución é de 2 meses. Santos Ramos explicou que se esperan os permisos legais das administracións correspondentes para iniciar tamén o proceso de contratación das obras de saneamento.

Ponte do Bizarro
Tras conseguir o permiso legal necesario da Confederación Hidrográfico do Miño Sil e levar a cabo os traballos de desescombro, a sesión aprobou pola vía de urxencia as obras de reconstrución da Ponte do Bizarro, no Concello de Trabada, para inicialas a próxima semana. Están dotadas de 175.000 euros e o prazo de execución e de 2 meses. Trátase dunha infraestrutura que caeu nos pasados días porque se construíu sobre outra ponte, que une Trabada con San Tirso de Abre e coa N-640.

Alumeado do Río Rato
A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración de Deputación e Concello de Lugo, dotado de 1,4 millóns de euros, para a dotación de alumeado público no Paseo do Rato. Santos Ramos explicou que “solucionamos máis chapuzas do goberno de Candia. Non foi capaz de finalizar o proxecto de obra, polo que hai unhas semanas tivemos que devolvelo á Axencia da Enerxía para rematala. Con todo, aprobou iniciar a contratación das obras sen proxecto, e sen aprobar e asinar o convenio, tal e como esixe a lexislación vixente”. Unha vez asinado o convenio e acadados os permisos legais correspondentes das administracións implicadas, executaranse os traballos.

A sesión tamén acordou melloras de 49.000 euros en estradas municipais no contorno do Pedregal de Irimia, en Meira; e de 41.600 euros no Centro de Saúde e na Casa da Cultural de Trabada.

Acordos enriba da mesa
Logo de que 13 Deputados acordasen trasladar ao Pleno a competencia de aprobar os plans sectoriais en materia de estradas provinciais e os procesos de expropiacións, a Xunta de Goberno tivo que deixar enriba de mesa informes sectoriais de Chantada, Mondoñedo e Vilalba, así como a expropiación para obras no núcleo de Torallo. A sesión aprobou pedir un informe aos técnicos provinciais para coñecer as limitacións da Xunta de Goberno ao respecto, así como nova documentación aos municipios afectados para saber a urxencia da aprobación destes trámites.