Deputación de Lugo

COGAVE fai súas as reivindicacións dos lucenses para dotar de servizos sanitarios e ferroviarios á provincia

- Dario Campos fixo fincapé na participación cidadá como un dos eixos nos que xire a actividade provincial - Anunciou a posta en marcha duns novos orzamentos participativos, co fin de introducir e conformar o orzamento provincial dentro do Regulamento Orgánico - Dixo que Federación lucense foi a abandeirada na defensa das necesidades dos veciños da provincia, a través das ILP , que demandaban Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiron hoxe ao Presidente de COGAVE, Eladio Fernández, e ao seu representante en Lugo, José Manuel Carballo, no Pazo de San Marcos, onde esta asociación celebrou á súa reunión anual.

Neste encontro, Campos subliñou “o traballo tan importante que realizan as asociacións veciñais, sobre todo na provincia de Lugo”, ao tempo que lembrou que dende o ente provincial “apostamos pola participación directa dos veciños, coa posta en marcha do Goberno Aberto”.

O Presidente fixo fincapé na participación cidadá como un dos eixos nos que xire a actividade provincial.  “Dende a Deputación obtivemos experiencias deste tipo como a través da elaboración dos orzamentos participativos, nos que se contou coa opinión de máis de 55.000 veciños”. Neste senso, Campos Conde aproveitou para anunciar a posta en marcha duns novos orzamentos participativos o vindeiro ano, co fin de introducir e conformar o orzamento provincial dentro do Regulamento Orgánico.

Dixo ademais que a Federación lucense foi a abandeirada na defensa das necesidades dos veciños da provincia, a través das ILP , referendada por máis de 41.000 persoas que demandaban Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia.

“Creo no movemento veciñal e en cada un dos veciños do municpio, na política participativa e no exercicio da cidadanía”, asegurou Méndez, quen tamén agradeceu o esforzo de todos os veciños.

Licitación da estación intermodal
Fernández Vázquez aproveitou a recepción para felicitar tanto á Deputación como ao Concello polas iniciativas sociais que están levando a cabo. “O que facedes en Lugo é un exemplo para o resto das provincias”, asegurou.

Por último, José Manuel Carballo, esixiu a licitación da Estación Intermodal de Lugo, que xa ten o proxecto realizado.