Deputación de Lugo

Deputación e APEC presentan Reacciona2020, o programa co que reactivar a construción a través da rehabilitación eficiente de vivendas

- O Programa de Impulso á Rehabilitación Sostible de Vivendas conta con catro liñas de actuación: o proxecto Reacciona, dirixido a propietarios de vivendas; o proxecto Reconstrúe, orientado a difundir entre as empresas do sector a oportunidade de negocio que supón o mercado da rehabilitación eficiente; o proxecto Reenfócate, destinado a dar soporte técnico a empresas e profesionais; e o proxecto Rehabilítate, que se ocupa da formación de traballadores do sector - Prevése o desplazamento dunha Oficina Técnica Móbil aos concellos da provincia para asesorar aos veciños que desexan levar a cabo unha obra sobre a normativa de eficiencia enerxética, que a partir de 2020 requirirá que todas as edificacións sexan de consumo casi nulo, así como das vantaxes ambientais e económicos de levar a cabo este tipo de inversións - A Deputación de Lugo, mediante un convenio coa Asociación Provincial de Empresarios da Construcción de Lugo (APEC) destinou preto de 360.000 euros (un 90% do orzamento total) á reconversión de profesionais e empresarios da construcción así como á creación de ferramentas de apoio á rehabilitación de vivendas

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou esta mañá as liñas de acción do Programa de impulso á rehabilitación Enerxética e Sostible de Vivendas na provincia de Lugo, e as principais accións realizadas dende a súa posta en marcha. A Deputación destina a este programa un total de 357.200 euros (un 90% do orzamento total, 396.900 euros), mediante un convenio coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC), que pon o 10% do importe. Esta é a primeira vez que unha Administración galega leva a cabo este tipo de iniciativa.

O Programa ten como obxectivo poñer en práctica medidas que fomenten a xeración de emprego no eido da rehabilitación de vivendas baixo criterios de eficiencia enerxética, xa que as vivendas deben ser adaptadas aos criterios de sostenibilidade enerxética fixados por Europa, que esixirá que a partir do ano 2020, todos os edificios construídos deben ser de consumo practicamente nulo. Para tal fin prevese, entre outras accións, o impulso de formación especializada, o asesoramento técnico e a información e concienciación dos particulares. Ademais ponse a disposición dos Concellos unha Oficina Técnica móbil e un estudo detallado do parque de vivendas dos seus respectivos municipios. Campos sinalou que “o sector estase a converter nun nicho de mercado moi importante e que debemos saber aproveitar na nosa provincia”.

Unha oportunidade para reactivar a economía local
O Programa foi presentado ante os alcaldes da provincia, aos que o Presidente da Deputación animou a sacar proveito da iniciativa, que poñerá á disposición dos Concellos que o requiran unha oficina técnica móbil para asesorar aos veciños que interesados en realizar una rehabilitación. “O programa impulsará a modernización e a reactivación da actividade de moitas empresas e autónomos dos municipios, revertendo así na economía local e beneficiando ao conxunto da sociedade e ao atractivo dos núcleos urbanos e rurais”, sinalou Campos.

Pola súa banda, Hipólito Trinidad, Presidente da APEC, agradeceu o respaldo da Deputación de Lugo á hora de facer posible o impulso á rehabilitación de vivendas mediante un programa que considera “de máxima importancia” nun sector “chave para a sociedade por multitude de motivos”, entre os que destacou os beneficios de contar cun entorno urbano rehabilitado de cara ao turismo, sobre todo en canto ao patrimonio histórico; así como o impacto da rehabilitación na xeración e mantemento do emprego, na calidade de vida das persoas e na creación dun modelo de sociedade máis sostible. 

Tamén a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu ao Presidente a posta en marcha do programa Reacciona2020 e destacou a súa importancia para a revalorización dos inmobles, que permitirá “combater o feísmo e o abandono do rural”. Tamén explicou que durante esta lexislatura, o Concello de Lugo puxo en marcha una Concellería de Desenvolvemento Sostible, que xunta as políticas de medio ambiente e de urbanismo.