Deputación de Lugo

“Nin Hemodinánima 24H, nin prazas nas residencias públicas da Deputación. A Xunta discrimina aos lucenses”

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente leva ao Pleno unha moción para esixir á Xunta a dotación de Hemodinámica 24H e a publicación dos datos de mortalidade por infarto de miocardio - “Nin o cambio de Conselleiro fixo cambiar de parecer ao Goberno galego, pois á vista están as recentes declaracións de Jesús Vázquez. Estea quen estea á fronte da Consellería de Sanidade, o Partido Popular obvia as reclamacións de 43.000 lucenses” - “Outro Conselleiro, o de Política Social, é capaz de dicirnos que non pode facer un convenio coa Deputación para financiar prazas nas nosas residencias, e que temos que concorrer a concurso como as empresas privadas porque el non dá prazas a dedo”

“Nin Hemodinámica as 24 horas, nin prazas nas residencias e centros de día públicos da Deputación nos Concellos. A Xunta discrimina aos lucenses”. Así o subliñou este luns o Presidente, Darío Campos Conde, que avanzou que levará ao Pleno de mañá unha moción para esixir á Xunta a inmediata dotación de dito servizo no Hula e que publique os datos de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días, que oculta.

“É incomprensible que a Xunta continúe a negar aos lucenses Hemodinámica 24 horas. Nin o cambio de Conselleiro fixo cambiar de parecer ao Goberno galego, pois á vista están as recentes declaracións de Jesús Vázquez. Estea quen estea á fronte da Consellería de Sanidade, o Partido Popular obvia as reclamacións de 43.000 lucenses e a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego, aprobada por unanimidade”.

“A Xunta claramente discrimina aos lucenses e nos trata como cidadáns xa de terceira. E non só o fai negándonos esta prestación imprescindible no HULA, senón tamén rexeitando conceder prazas públicas na rede pública de residencias e centros de día da Deputación. Outro Conselleiro, neste caso o de Política Social, é capaz de dicirnos que a Xunta non pode facer un convenio coa Deputación de Lugo para financiar prazas nos nosos centros, e que temos que concorrer a un concurso público ao igual que as empresas privadas porque el non pode dar prazas a dedo. Así o dixo, textualmente, ante todos os medios de comunicación. Pola contra, cantos menos en 2012 e 2013, a Xunta si fixo convenios coas Deputación da Coruña, Pontevedra e Ourense para financiar con 25 millóns de euros servizos sociais e emprego para os veciños destas provincias. Tómannos o pelo”, remarcou o Presidente.   

Moción
Darío Campos lembrou que no Pleno Provincial de marzo, 13 Deputados votaron en contra de debater por vía de urxencia a moción do Grupo Provincial Socialista para esixir á Xunta de Galicia a inmediata dotación deste servizo, así como a publicación dos datos por infarto aos 30 días. “Non o consideraron necesario”.

O Presidente destacou que o Executivo autonómico publicou un informe “incompleto e sesgado”, no que se alerta de que un lucense afectado por un infarto de miocardio tarde o dobre de tempo en ser atendido que, por exemplo, un cidadán da Coruña. Concretamente, o tempo de espera é de máis de 3 horas, pois a provincia de Lugo non conta cun servizo de Hemodinámica as 24 horas e os doentes teñen que ser trasladados á Coruña.