Deputación de Lugo

A Deputación despexa de neve e xeo estradas de Pedrafita, Courel e Cervantes

A Deputación despexa dende primeira hora da mañá varias estradas nos Concellos de Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel e Cervantes, que tiñan unha acumulación de xeo e neve de preto de 5 centímetros. Arestora, os traballadores do organismo provincial continúan a acondicionar estas vías que quedarán completamente limpas, previsiblemente, ao longo desta mañá.

No que respecta á choiva, a Deputación despregou operarios nos Concellos de A Pastoriza, Barreiros, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Muras, Mondoñedo, Ribadeo, Samos, Vilalba, Viveiro e Xermade, os máis afectados polas intensas precipitacións que tiveron lugar durante as últimas xornadas.

Ao longo da mañá recuperarase a normalidade nos máis de 4.200 quilómetros de estradas que conforman a rede viaria da provincia, a máis extensa de España. As incidencias foron relacionadas, na súa maioría, con cortes producidos por balsas de auga, fochas, arbores caidas ou desprendementos.

A Deputación de Lugo, dentro da súa liña de colaboración interadministrativa, informou á Subdelegación do Goberno sobre as incidencias rexistradas durante estas xornadas para que teña constancia da situación real da provincia lucense.