Deputación de Lugo

A PROVINCIA DE LUGO, PROTAGONISTA UN ANO MÁIS EN FITUR 2016

A Apehl presentou esta tarde na Feira Internacional de Turismo de Madrid a nova guía … E Para Comer, Lugo, unha ferramenta chave para a promoción da provincia como destino turístico e gastronómico global.

O lanzamento tivo lugar no stand de Galicia, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, e a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias.

O que hoxe deu a coñecer Real é o noveno volume da colección de guías turísticas … E para comer, Lugo, o cal, tras a proclamación de 2016 como Ano Xubilar da Misericordia, a Asociación decidiu dedicarlle aos Camiños de Santiago que atravesan a provincia de Lugo.

Baixo o título Lugo-Santiago, o anuario está integrado por 132 páxinas, das cales 69 se distribúen en cinco apartados. Os tres primeiros coinciden coas tres rutas xacobeas oficiais, que contan coa categoría de Patrimonio da Humanidade: Camiño Francés, que ten entrada polo poboado prerromano do Cebreiro; Camiño Primitivo, que inicia o seu tramo galego no municipio da Fonsagrada, e Camiño Norte ou Ruta da Costa, que entra pola Mariña Oriental. O cuarto apartado describe o Camiño Sur ou de Inverno, que atravesa a Ribeira Sacra, e o quinto presenta outros dous traxectos menos coñecidos pero igualmente atractivos: o Camiño Norte Interior, que transcorre pola comarca de Meira, e o Camiño do Mar, que transita pola Mariña lucense. “En total, a provincia de Lugo alcanza os 800 quilómetros de Camiños”, subliñou Real.

No libro, cada unha das rutas vai acompañada de mapas ilustrados e dunha variada selección fotográfica dos distintos lugares que os peregrinos poderán atopar na provincia de Lugo. “Por calquera delas, os visitantes desfrutarán de paisaxes de gran beleza, de patrimonio e, por suposto, de boa e variada gastronomía, mantendo máis vivo que nunca o eslogan … E para comer, Lugo”, afirmou o presidente dos hostaleiros lucenses.

Así mesmo, a guía inclúe como seccións habituais os álbums das tapas gañadoras do Concurso de Tapas de Lugo, do Cume Tapas de Monforte e do Concurso Provincial, ademais do álbum dedicado á presenza da Apehl na Vuelta Ciclista a España. A última parte conta cun directorio no que se poden atopar por orde alfabética todos os establecementos asociados da provincia de Lugo.

A publicación ten unha tiraxe de 15.000 exemplares que se distribúen en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España, ademais de contar cunha edición dixital na web www.eparacomerlugo.es.

Apoio dende diversas institucións

Na súa intervención, a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, referiuse á riqueza de propostas como “a gastronomía, o termalismo, os Camiños de Santiago e o patrimonio natural e cultural que se poden desfrutar en Galicia en xeral e en Lugo en particular”, e manifestou que estas propostas atraen un gran número de turistas á provincia que cada ano vai en aumento. Neste sentido afirmou que, á espera de coñecerse as cifras do mes de decembro, en 2015 o número de viaxeiros que se aloxou en establecementos hoteleiros da provincia se incrementou nun 12 %.

Pola súa banda, o deputado de Promoción do Territorio e Turismo, Eduardo Vidal, destacou que “unha das características máis notables da nosa provincia é, sen dubida, a gastronomía e o bo comer. A marca … E para comer, Lugo forma xa parte da nosa identidade como lucenses, porque todos sabemos que en Galicia se come ben, pero en Lugo esta premisa elévase á máxima potencia”. Así, o deputado subliñou que, durante os últimos anos, Lugo foi a cidade galega na que máis aumentou o turismo internacional, e é por iso que “dende a Deputación apostamos pola gastronomía e polo territorio como fonte de riqueza e postos de traballo”. Vidal aproveitou a ocasión para convidar a todos os presentes a que se acheguen a Lugo, xa que “é unha provincia que conta con milleiros de posibilidades e que namora a todo aquel que se achega a coñecela”.

De igual maneira, a alcaldesa lucense, Lara Méndez, fixo fincapé na importancia do turismo gastronómico para Lugo, cidade tan coñecida pola súa tradición do tapeo. "No Concello de Lugo apostamos por un turismo do século XXI, cultural, gastronómico, interactivo e ben posicionado", asegurou a rexedora.

Entre os asistentes á presentación da guía encontrábanse a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez; os alcaldes de Monterroso, Palas de Rei, Barreiros e Mondoñedo, Jesús Otero, Pablo José Taboada, José Alfonso Fuente e Elena Candia, respectivamente; a  concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, así como representantes das asociacións de produtores Avimós, Asovega, Porco Celta, Afapán e mais do CRDO Ribeira Sacra. A Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo (Afapán) ofreceulles aos asistentes unha degustación do produto que elaboran e obsequiounos cunha peza de pan artesanal