Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación achega 100.000 euros para que Lugo acolla por 1ª vez os Xogos do Eixo Atlántico

- Este evento, único en Europa, reunirá entre os días 2 e 7 de xullo a preto de 2.000 deportistas que competiran nas tres sedes desta edición: Lugo, Sarria e Monforte - Santos Ramos destacou que “a provincia acollerá a máis de 5.000 persoas, entre organizadores, participantes e visitantes, o que producirá un retorno económico aproximado de 700.000 euros” - As entidades interesadas, disporán de 15 días dende a publicación da documentación no Boletín Oficial da Provincia para presentar toda a documentación

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, explicou que o Executivo vén de aprobar este venres en Xunta de Goberno o inicio da contratación para a organización e desenvolvemento dos XII Xogos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que terán lugar entre os días 2 e 7 de xullo nos Concellos de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos.

Santos Ramos explicou que “achegamos 100.00 euros para financiar un evento deportivo único en Europa, que contará cunha participación media de entre 1.500 e 2.000 deportistas por edición, todos eles menores de 16 anos. Cómpre subliñar que segundo as previsións do propio Eixo Atlántico, a provincia acollerá a máis de 5.000 persoas, entre organizadores e participantes, nas tres localidades, o que supón un retorno económico aproximado de 700.000 euros. Trátase pois dunha oportunidade de promover o turismo, a gastronomía e a cultura da provincia luguesa. De feito, paralelamente á competición, prográmanse actividades culturais e turísticas dirixidas aos deportistas e acompañantes”.

As empresas interesadas nesta adxudicación deberán presentar a partires da vindeira semana, os anexos correspondentes no rexistro da Deputación ou nos das dependencias administrativas que recolle o artigo 38.4 da lei 30/1992. O prazo vence aos 15 días dende a publicación no BOP.

XII Xogos do Eixo Atlántico
Os XII Xogos do Eixo Atlántico, organizados conxuntamente polos concellos de Lugo, Monforte, Sarria e a Deputación de Lugo, darán comezo o día 4 de xullo cun acto de inauguración polas rúas de Lugo, tendo como protagonista a Muralla, Patrimonio da Humanidade, e rematarán o día 9, cun acto de clausura na contorna natural do municipio.

Serán ao redor de 2.000 atletas, dos cales aproximadamente 1.500 chegarán de fóra da provincia, os que acudirán aos tres concellos lucenses para competir en sete modalidades deportivas. A competición engloba campionatos de fútbol, balonmán, baloncesto, voleibol, ximnasia rítmica, atletismo e atletismo adaptado, e natación e natación adaptada.

Nesta edición dos xogos haberá tres sedes, dependendo das modalidades deportivas. Así, nas instalacións da cidade de Lugo disputaranse as competicións de fútbol 7 masculino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado (tanto en pista como en cross) e baloncesto masculino e feminino; en Monforte celebrarase a disciplina de voleibol feminino, mentres que en Sarria terán lugar as modalidades de balonmán masculino e ximnasia rítmica, sendo esta a novidade desta edición.

Implicacións do contrato
As bases para a contratación dos servizos de organización e desenvolvemento dos XII Xogos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular contemplan o cumprimento dos seguintes puntos:

  • Un coordinador do evento que terá como función a coordinación de todas as actividades deportivas e de todo o persoal necesario para o desenvolvemento das mesmas, tamén será o responsable dos actos de inauguración e clausura dos Xogos e do proceso de acreditación dos participantes, tamén da elaboración dos calendarios deportivos das distintas modalidades en estreita colaboración cos concellos de Lugo, Monforte e Sarria.
  • Así mesmo, a empresa contratante contará con persoal de deseño das actividades a realizar que sirva de apoio ao Coordinador do evento.
  • Tamén será necesario persoal de apoio en cada unha das 7 modalidades deportivas perante o evento.
  • Asistencia médica. Deberá contar con unha ambulancia por evento deportivo dotada con persoal sanitario (un médico e un enfermeiro)
  • Arbitraxe. Deberá facerse cargo a empresa contratante do servizo de arbitraxe das 7 modalidades.
  • Lavandería. Unha vez que os participantes finalicen cada un dos eventos deportivos, faise necesario contar con un servizo de lavandería para lavar a roupa e poder dispor dela ao día seguinte.
  • Seguros. O licitador presentará seguro de accidentes innominado para os participantes con cobertura 24 horas, e coas seguintes características mínimas.
  • Transporte. A empresa adxudicataria deberá dispor dun servizo de transporte para o traslado dos participantes dende o aloxamento a instalación deportiva correspondente, e da instalación deportiva ao aloxamento, así como aos actos de inauguración e clausura.
  • Inauguración e clausura. O contratante deberá facerse cargo dos actos de inauguración e clausura que se celebrarán en Lugo, no que van incluídos a cena da inauguración e o xantar de clausura.
  • Manutención e aloxamento. A empresa adxudicataria deberá facerse cargo da manutención e aloxamento tendo en conta que deberá procurar unha manutención adaptada á práctica do deporte e un aloxamento en condicións similares para todos os participantes.