Deputación de Lugo

O Presidente visita a Protectora de Animais para coñecer de primeira man as súas necesidades

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participaron este mércores, acompañados do Presidente da Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo, Javier García Calleja, nunha visita polas instalacións deste centro para coñecer de preto a labor que realizan dende a protectora, así como as necesidades que poidan ter, co fin de buscar novas colaboracións para mellorar a súa actividade.

Campos Conde recoñeceu “o grande traballo que se está a realizar dende a protectora, que foron capaces de rescatar durante o 2015 a máis 1.200 animais, dos que 450 acabaron sendo adoptados”. O Presidente destacou tamén “a necesidade de colaborar con entidades como a Protectora, que axudan a establecer valores tan importantes nunha sociedade como son, por exemplo, o respecto e o coidado dos animais”.

López Izquierdo subliñou “a sensibilidade que demostra o organismo provincial tanto co eido animal coma co medioambiental da provincia, impulsando tamén actividades dirixidas a todas as idades que están encamiñadas a crear conciencia sobre a importancia de preservar a flora e a fauna da provincia; a riqueza máis grande que calquera de nós podemos ter”, sentenciou. García Calleja agradeceu a “constante colaboración e compromiso da Deputación coa protectora, sen a cal non poderíamos levar a cabo o noso traballo diario, tal e como o estamos a facer hoxe en día”.

Outros investimentos e colaboracións
A Deputación de Lugo achegou preto de 70.000 euros á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo nos últimos anos co fin de garantir a supervivencia da organización, así como a alimentación dos animais que alí se albergan. O pasado ano, achegou preto de 26.000 euros para a execución das obras de peche dunha parcela de titularidade provincial en Codesido, cunha superficie de 4 hectáreas, que será cedida posteriormente á entidade co fin de ampliar as súas instalacións.

No 2013, o organismo provincial levou a cabo traballos silvícolas, dotados de 7.000 euros, e que consistiron na roza da vexetación e na poda en altura de ducias de árbores na contorna das instalacións da Protectora, en concreto, nunha zona cunha superficie de 140x2,5 metros que rodea ao albergue.