Deputación de Lugo

Francisco Sineiro e Eduardo Yus, membros da comisión técnica do Centro de Recría da Deputación

A Comisión técnica do Centro de Recría mantivo este luns unha xuntanza no Pazo de San Marcos para avanzar na elaboración da memoria do primeiro centro de recría de gando vacún público en España, que construíu con 12 millóns de euros a Deputación de Lugo nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Francisco Sineiro e Eduardo Yus son dous dos reputados profesionais que participan na elaboración deste documento, imprescindible para a posta en marcha do centro, que avalía aspectos sociais, xurídicos e financeiros, entre outros.

A Comisión tamén está a elaborar un estudo de mercado para que os custos do primeiro centro de recría de gando vacún público en España sexan os máis competitivos e para que estas instalacións públicas aforren cartos aos gandeiros pola recría, cumprindo co fin para o que naceron.

A creación da comisión técnica e a elaboración da memoria sobre o centro de recría é unha obriga legal previa para levar ao Pleno Provincial a proposta de aprobación do modelo de xestión do Centro de Recría.

A comisión está composta por un total de 8 membros, no que destacan persoeiros de grande prestixio do ámbito universitario. Concretamente, a comisión intégrana: Francisco Sineiro García: Profesor de economía agraria na Universidade de Santiago de Compostela. Foi director territorial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (1987-1989) e Conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes. Eduardo Yus Respaldiza: Profesor e investigador da Facultade de Veterinaria de Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu traballos e estudos relacionado coa produción leiteira e cárnica en explotacións galegas. Ademais, tamén se inclúe o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega, así como Técnicos Provinciais do Servizo de Intervención, Contratación e Secretaría Xeral.

A través do Centro de Recría, as explotacións lucenses serán máis produtivas e rendibles xa que, facendo a recría no centro os animais acadarán un alto valor produtivo e xenético, e os gandeiros terán máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas. Ademais, tamén aforrarán na compra de forraxe, reducirase a contaminación ambiental, e descenderá tamén a carga gandeira, o que pode darlle acceso aos profesionais do sector a novas axudas públicas.