Deputación de Lugo

A Deputación ofrece en Burela asesoramento laboral gratuíto a desempregados da Mariña

- O Deputado de Promoción Económica e o Alcalde mantiveron un encontro cunha ducias de veciños de Burela, Foz, Cervo, Viveiro e Barreiros que están no paro e que solicitaron o “Servizo de Guía Laboral” do organismo provincial - O 27 de abril a Deputación atenderá en Monforte a desempregados da zona Sur da provincia. Veciños de Sarria, Triacastela, O Páramo, Becerreá e Baralla xa recibiron este asesoramento nun encontro no municipio sarriano

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantiveron este mércores un encontro con desempregados da Mariña que hoxe mesmo recibiron asesoramento laboral gratuíto a través do “Servizo de Guía Laboral”, que puxo en marcha o organismo provincial ao abeiro do Ben Empregado. Nesta xuntanza, que tivo lugar no centro ocupacional de Burela, participaron veciños do Concello burelés, así como de Foz, Cervo, Viveiro e Barreiros.

Santos Ramos destacou que “logo de ver o grande número de veciños que nos solicitan este servizo, decidimos organizar 3 xuntanzas, unha na zona norte da provincia, outra na zona centro e outra na sur para que os desempregados lucenses non se teñan que desprazar á capital e poidan se atendidos nun lugar máis próximo aos seus domicilios, evitándolle custos de desprazamento”. Ramos destacou que se farán máis xuntanzas se hai máis solicitantes.

O Deputado explicou que “na zona norte, organizamos o encontro no concello mariñao de Burela; na centro en Sarria, no que participaron veciños deste municipios, así como do Páramo, Triacastela, Becerreá e Baralla; e na zona sur organizaremos a xornada o 27 de abril en Monforte de Lemos, no Edificio Multiusos. Cada usuario será atendido de xeito individual, nun horario de 09:00 horas a 14:30 horas. Os técnicos de emprego investirán, de media, entre 60 e 90 minutos en cada cita”.

Datos do servizo
A Deputación de Lugo, dentro da súa liña de apoio e asesoramento a desempregados, puxo en marcha recentemente o “Servizo de Guía Laboral”, co que o organismo provincial ofrece asesoramento especializado e gratuíto para afrontar con éxito un proceso de selección de traballo. Dende a súa posta en marcha, ao redor de 270 persoas solicitaron este servizo. O 71,7% recibírono de xeito presencial nas dependencias da Deputación e un 28,2 a través de Internet.  

As preguntas e dúbidas máis frecuentes que os técnicos de emprego responderon foron sobre os modelos de elaboración dun curriculum vitae, consellos para afrontar unha entrevista de traballo ou técnicas comunicativas axeitadas a empregar nos procesos selectivos.