Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle aos gañadores da VI edición dos Premios polo Territorio

- Trátanse dos premios organizados pola Asociación pola defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA), nos que participaron máis de 90 persoas de todos os puntos da comunidade - García Porto subliñou que “este tipo de actividades ofrecen unha oportunidade, tanto a profesionais como afeccionados da fotografía, literatura ou as curtametraxes de achegar á sociedade os seus traballos” - Gañadores: Fotografía, José Izquierdo e Eva Fernández; Relatos, Bonaval de Lois, María Carballido e María Rozados; Curtametraxes, Millán Castro, Alumnado do CPI Virxe da Saleta e David González

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este mércores na VI edición dos Concursos de Fotografía, Relato e Curtametraxe que organiza a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA), que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Fíxoo xunto ao Coordinador do proxecto, Anxo Manoel Lamelo Fernández, á Directora do Museo Provincial de Lugo e membro do xurado, Aurelia Balseiro García, e varios gañadores e finalistas dos premios.
 
García Porto subliñou que “é necesario pór en valor este tipo de actividades, que fomentan o esforzo e empeño, e que ofrecen unha oportunidade, tanto a profesionais como afeccionados da fotografía, literatura ou as curtametraxes de achegar os seus traballos e amosarnos desde distintas perspectivas problemas que atopamos hoxe no noso territorio”.

ADEGA leva organizando dende fai 6 anos estes concursos para que a sociedade galega retrate o estado actual do territorio a través da imaxe e da palabra. Nesta VI edición dos Concursos de fotografías e de relatos e V Edición do Certame de curtametraxes presentáronse 70 fotografías de 30 participantes, 53 relatos de 52 participantes e 10 curtametraxes de 10 participantes procedentes de toda a xeografía galega. Durante a entrega de premios e diplomas aos gañadores e finalistas das diferentes categorías, se proxectaron as fotografías e as dúas curtametraxes gañadoras.

Gañadores e finalistas
Fotografía Fotografías polo territorio: Efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial ou exemplos de posta en valor do territorio.
- Categoría Adulta: Sen título de José Izquierdo León (Burela, Lugo). Diploma e 200 euros
- Finalistas: Encadrado e Parque Eucaliptal de Victor Hermida Valeiro. Diploma.
Patilonga sobre vermello e Alienixenas no meu barrio de José Antonio Campos Martínez. Diploma.
- Categoría Xuvenil: Made in Galiza de Eva Fernández Gil (Arbo, Pontevedra) Diploma e 150 euros
- Finalistas: Derradeira ponte e Liberdade de Rocío Rego Sierra (Abadín). Diploma.
Fábricas e Corredera de Ángel Giraldez Varela. Diploma.

Relatos O lugar onde vivo:Os relatos puideron ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xirara en torno ás visións que ten a poboación galega acerca do lugar onde vive, cómo é, cómo foi, cómo quere que sexa, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo...
- Categoría Adulta: Ás veces, Bonaval de Lois Blanco Araúxo (Teo, A Coruña). Diploma e 250 euros
- Finalistas: Conta o meu pai de Rocío Cadahía Fernández (Cambre, A Coruña). Diploma.
Apocalipse 2038. O gardián do inferno de Beatríz Pérez González (Amoeiro, Ourense). Diploma.
- Categoría Xuvenil: Supermarcos de María Carballido Cerqueiro e Quen son eu de María Rozados Balboa. (O xurado estimou que as dúas obras eran merecedoras do premio e considera que debe repartirse entre as dúas autoras). Diploma e 100 euros para cada unha.
- Finalistas: O lugar onde vivo de Lúa Carpintero Sánchez (Santiago). Diploma.
O noso tesouro de Ainhoa Pereiras Mosquera (A Estrada). Diploma.
O lugar onde vivo de Antía Domínguez Castro (Santiago). Diploma.
Tan belo...Tan fráxil... de Sandra Ferreiro García (A Estrada). Diploma.

Curtametraxe E ti qué é o que ves?: Dar mostra de exemplos de posta en valor da cultura e territorio e/ou denunciar aquelas actuacións que agriden os mesmos.
- 1º Premio: Atmósfera cotiá de Millán Castro. Diploma e 250 euros
- 2º Premio: Os xeranios do señor Alfonso de Alumnado do CPI Virxe da Saleta e David González. Diploma e 150 euros
- Finalistas: Canción da hora na que ladran os cas de Marina Chiavegatto. Diploma.
Buxaina de Noa García Peiteado. Diploma.
Salvemos Catasós do Alumnado do obradoiro de televisión do IES Laxeiro. Diploma.

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
ADEGA é unha asociación ecoloxista sen ánimo de lucro que traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a calidade de vida. A asociación, cunha experiencia de traballo de máis de 25 anos, avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusto e sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países.