Deputación de Lugo

O Goberno abre mañá a solicitude das axudas de 1,5 millóns para melloras en servizos públicos do rural dos 67 Concellos

Imaxe deputación de lugo
- O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe as bases destas subvencións, dirixidas a cidadáns do rural en xeral, asociacións veciñais e comunidades de montes - Son para construír ou mellorar traídas de auga; acondicionar accesos públicos a núcleos poboacionais, explotacións gandeiras, fincas agroforestais ou a viñas; así como para equipar ou arranxar centros socioculturais - Na concesión, favoreceranse os proxectos en impulso do sector primario, o despoboamento da zona, o número de beneficiados ou a necesidade das actuacións - En www.deputacionlugo.gal están as bases e os modelos de inscrición. As axudas poderán solicitarse ata o 5 de outubro, incluído. Hai un anticipo do 95% da subvención

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns as bases das axudas de 1,5 millóns de euros para mellorar servizos públicos en zonais rurais dos 67 Concellos da provincia. Isto permite ao Goberno da Deputación abrir mañá o prazo da solicitude destas subvencións, dirixidas a cidadáns do rural en xeral, asociacións veciñais e comunidades de montes. O prazo rematará o 5 de outubro.

Esta programación inclúe axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para 3 liñas de actuación:

1ª.- Mellora do abastecemento e da calidade da auga. Conta con axudas dun máximo de 30.000 euros para a construción de novas traídas de auga; e de 10.000 euros para melloras, acondicionamentos ou ampliacións das existentes. Hai que ter en conta que as traídas de auga son un servizo municipal básico para o día a día dos veciños, que seguen a ser un déficit en moito núcleos rurais aos que non chega a auga en condicións aos fogares e ás explotacións gandeiras.  

2ª.- Mellora da mobilidade no rural. Contempla axudas dun máximo de 12.000 euros para arranxos e sinalizacións de accesos públicos a núcleos poboacionais, explotacións gandeiras, fincas forestais, agrarias ou viñas.

3ª.- Mellora de centros socioculturais e do seu contorno. Conta con axudas dunha contía máxima de 12.000 euros para actuacións en fachadas ou cubertas, instalacións eléctricas, sistemas de iluminación, climatización ou calefacción, traballos de albanelería e fontanería, así como de adecuación de accesos e contornos. Cómpre destacar que estas instalacións son centros de reunión e xuntanza veciñal en moitas parroquias, onde se celebran numerosas actividades colectivas de toda índole, contribuíndo á dinamización do rural.

Anticipo do 95% e novos criterios
As bases inclúense dúas grandes novidades. O Goberno da Deputación decidiu ofrecer aos colectivos veciñais, que finalmente resulten beneficiados, un anticipo do 95% da axuda. O Executivo elaborou unhas novas bases con criterios totalmente obxectivos para acadar unha distribución o máis xusta posible. Este son 5:  

1.- Grao de necesidade. Por exemplo, valorarase con 10 puntos, que é a máxima puntuación, non ter traída de auga na actualidade; as ampliacións con usuarios residentes nos núcleos rurais ou con explotacións gandeiras; as reparacións de captacións que non abastecen durante todo o ano; os arranxos de camiños públicos que sexan os únicos accesos a explotacións agrarias ou forestais con un grande número de hectáreas; os arranxos de centros socioculturais con goteiras ou sen electricidade. Pola contra, valorarase con 2 puntos, por exemplo, a construción dun depósito complementario ao existente; os arranxos de accesos a explotacións con menos de 2 hectáreas; ou as reposicións de equipamento en centros socioculturais.

2.- Sustentabilidade: Puntuarase positivamente aos proxectos cuxo custo estea por debaixo do prezo do mercado e descartaranse os que están por riba.  

3.- Usuarios beneficiados. Terán maior puntuación os proxectos que beneficien a un maior número de usuarios do rural.

4.- Usuarios beneficiados do sector primario. Tamén terán maior puntuación os proxectos que beneficien a un maior número de profesionais deste sector.

5.- Despoboamento. Primaranse os proxectos de núcleos de Concellos de menos de 1.000 habitantes fronte aos de 5.000 ou 10.000. 

A través desta programación, denominada “Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural”, o Goberno da Deputación defende a vida no rural e do rural, e busca potenciar o benestar dos veciños e o sector primario coa mellora ou dotación de prestacións públicas imprescindibles.