Deputación de Lugo

A Deputación asume por petición dos veciños os 500.000 euros que adebeda a Xunta á residencia de Ribadeo

- Así o comprometeu o Presidente en decembro, nunha reunión en San Marcos con representantes da Plataforma de Veciños en defensa do centro de maiores, co Alcalde e membros dos grupos da Corporación, agás o do PP, que declinou participar - Campos Conde comunicou o acordo da Xunta de Goberno de hoxe a veciños e autoridades nunha visita á residencia, na que a Deputación inviste 2,3 millóns - Suárez Barcia destacou que “grazas Darío por substituír, unha vez mais, a quen debía estar aquí. Oxalá hoxe, ademais de Concello e Deputación, estivera a Xunta. Pero volvémola a notar en falta por non cumprir a súa palabra e non crer na residencia”

O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno asumir os 500.000 euros que adebeda a Xunta á residencia de Ribadeo, tal e como o solicitaron os veciños. Así llelo trasladou hoxe o Presidente, Darío Campos Conde, nun encontro na localidade ribadense, a representantes da Plataforma de Veciños en defensa da Residencia de Ribadeo; ao Alcalde, Fernando Suárez Barcia, e a membros de todos os grupos do corporación municipal, agás o PP que declinou esta invitación.

Campos Conde lembrou que “hai uns meses, a Plataforma en defensa da Residencia de Ribadeo me trasladou a súa preocupación polo remate da residencia ante a falta dos 500.000 euros da Xunta. Comprometinme con eles a buscar unha solución se a administración autonómica non cumpría. Hoxe aprobamos conceder ese medio millón de euros, pois dende a Deputación cremos que este centro de maiores é unha infraestrutura social necesaria e moi demandada pola poboación de Ribadeo”.

Suárez Barcia destacou que “grazas Darío pola túa presenza e por substituír, unha vez mais, a quen debía estar aquí. Oxalá hoxe, ademais do Concello e da Deputación, estivera a Xunta. Pero, outra vez mais, volvémola a notar en falta por non cumprir a súa palabra, por non crer, dende o principio, na residencia de maiores de Ribadeo. Porque a Xunta sempre foi a rebufo de todo. Prometeu unha exigua cantidade de 500.000 euros, cando é a administración galega coas competencias en servizos sociais. Finalmente, o Concello tivo que solicitar auxilio á Deputación para que, aparte do 1.800.000 euros iniciais que xa aporta, conceda outros 500.000 euros. Polo tanto, a Deputación volve a ser a que se lembra de Ribadeo”.

Un compromiso adquirido en decembro
O Presidente da Deputación cumpre deste xeito a petición que veciños e representantes políticos lle fixeron no pasado mes de decembro. Foi nesta data, nunha reunión co titular provincial en San Marcos, cando lle comunicaron o incumprimento do Goberno galego, pois estaba a poñer todo tipo de trabas para conceder o medio millón de euros comprometidos dende a administración autonómico para este centro de maiores. O Presidente comprometeuse entón a facerse cargo desta cantidade dende a Deputación de Lugo se a Xunta de Galicia finalmente non o facía. E así foi.

Con estes 500.000 euros, o investimento total da Deputación para o centro da terceira idade ribadense é de 2,3 millóns de euros en varias anualidades. O organismo provincial xa tiña comprometidos un total de 1,8 millóns de euros, aos que se engade este medio millón de euros.