Deputación de Lugo

Deputación, Concello de Lugo e Asociación esixen á Xunta de Galicia converter o Cuartel de San Fernando no Museo Arqueolóxico Galaico-Romano

- Este proxecto, iniciado no 2008, atópase parado pois o Goberno Galego non asumiu os compromisos adquiridos para dotar a esta infraestrutura de uso público - García Porto apostou por “sumar esforzos entre as administracións para buscar unha solución viable a este edificio,  que ofreza mellores servizos para os nosos veciños” - Miguel Fernández subliñou que “o Cuartel está declarado como BIC, o que obriga á Xunta a cumprir coa responsabilidade que ten sobre este tipo de edificacións”

A vicevoceira do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, e o voceiro do Goberno do Concello de Lugo, Miguel Fernández, acompañados de representantes de asociacións de veciños, presentaron este luns unha moción que elevarán ao Pleno para esixir á Xunta de Galicia a converter o Cuartel de San Fernando no Museo Arqueolóxico Galaico-Romano. Este proxecto, iniciado no 2008, atópase parado pois o Goberno Galego non asumiu os compromisos adquiridos para devolver o uso público desta infraestrutura.

No acto, participaron representantes de Lugo Patrimonio, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, a Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, o Club Cultural Valle Inclán e a asociación Abre la Muralla, entre outros.

García Porto subliñou que “dende todas as administracións temos a obriga de pór en valor o patrimonio público. Por iso presentamos esta proposta, porque entendemos que debemos sumar esforzos para dotar o patrimonio dun uso público, buscando o mellor servizo para os nosos veciños. Por este motivo, dende a Deputación e Concello de Lugo levaremos estas mocións ao Pleno para debatelas co fin de buscar unha solución viable a este edificio”. A Vicevoceira lembrou que a realización deste Museo é unha débeda pendente da Xunta cos lucenses, “que esperamos que finalmente se cumpra”.

O Voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, lembrou que este edificio ten un valor histórico, xa que é unha das primeiras mostras de estilo neoclásico que hai en Galicia. Deste xeito, Fernández destacou que o Cuartel está declarado como Ben de Interese Cultural, o que obriga á Xunta a cumprir coa responsabilidade patrimonial que ten sobre este tipo de edificacións.

Museo Arqueolóxico Galaico-Romano
A través desta moción, Deputación e Concello de Lugo, instan á Xunta a colaborar para establecer no Cuartel de San Fernando o Museo Arqueolóxico Galaico-Romano. Neste senso, solicitan que a administración autonómica asuma o compromiso que ten adquirido dende hai anos para facerse cargo do edificio, co fin de solicitar canto antes os diferentes proxectos de rehabilitación, escavación e museográfico, así como a dotación económica para, “facer realidade a creación do Museo”, subliñou Fernández.

A iniciativa, que será debatida no Pleno de mañá da Deputación e do xoves do Concello, propón que o Museo sexa proxectado como un centro multicultural no que se podan desenvolver diversas actividades ao longo de todo ano, e no que se de mostra da riqueza patrimonial e achados arqueolóxicos da provincia de Lugo.