Deputación de Lugo

A Deputación inxecta en xullo máis de 15 millóns de euros na provincia, superando o obxectivo marcado

- O voceiro do Goberno explicou que “o Presidente marcou como obxectivo achegar a todos os Concellos 11 millóns de euros en xullo. Superamos este investimento, pois levamos máis de 15 millóns para emprego, servizos sociais e infraestruturas” - A Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno investir 500.000 euros na residencia de Ribadeo porque o pediron os veciños ante o incumprimento do Goberno galego; e 80.000 euros nun camión do lixo para Meira e Riotorto - Deputación e Cogami ofrecerán formación a 24 mozos con necesidades especiais para a súa inserción laboral no eido das TICs co Communiteando

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, detallou este venres os investimentos que inxectou a institución na provincia tras a aprobación do Orzamento de 2016 o pasado mes. Santos Ramos lembrou que “o Presidente marcou como obxectivo achegar a todos os Concellos 11 millóns de euros no mes de xullo. Superamos este investimento, pois levamos máis de 15 millóns para emprego, servizos sociais e infraestruturas, beneficiando a veciños de todos os municipios lucenses”.

De feito, hoxe na Xunta de Goberno aprobouse un investimento de 500.000 euros para a residencia de Ribadeo e outros de 80.000 euros para a compra dun camión do lixo, que compartirán os Concellos de Meira e Riotorto. A estes súmanse os 250.000 euros para dotar de herba artificial ao campo de fútbol de Xove, 400.000 para mellorar infraestruturas en Monforte, entre outros colaboracións cos municipios, que proseguirán nas vindeiras semanas.

Os programas para todos os Concellos que o Goberno da Deputación aprobou tamén durante este mes de xullo son os seguintes:

  • Plan de Obras e Servizos 2016, dotado con 5,5 millóns de euros para 87 obras en todos os Concellos.
  • Plan de aforro enerxético, dirixido aos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes, dotado con 1,5 millóns de euros
  • Axudas ao Fogar, que contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros para reforzar e mellorar o Servizo a Domicilio en 66 Concellos que non reciben nin un só euro por parte da Xunta de Galicia.
  • DepuEmprego: o plan de emprego da Deputación nos Concellos, que conta con 3 millóns de euros.
  • 128 axudas, que contan con 1,4 millóns de euros, para Concellos, asociacións e entidades sen ánimo de lucro coas que impulsar a súa actividade en impulso do emprego e da economía da provincia.
  • Plan de mellora nas Sedes Electrónicas dos Concellos, dotados con 300.000 euros, para adaptalas á lei.
  • Plan de Roza das estradas provincias, con 700.000 euros.
  • Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), que contan cunha achega da Deputación de 700.000 euros, supoñendo custe cero para os Concellos.
  • Lugo Termal, o proxecto que facilita a lucenses maiores de 55 anos o acceso a tratamentos termais, fomentando o benestar e o turismo. Conta con 35.000 euros.

Máis emprego
A Xunta de Goberno aprobou o programa de emprego Communitteando en Lugo, que organizan, conxuntamente, Deputación de Lugo e Cogami, por un valor total duns 130.000 euros. Communiteando busca favorecer a inserción laboral de 24 mozos con necesidades especiais dentro do eido das TICs. Está destinado a persoas de entre 18 e 25 anos, ou de ata 30 no caso de ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Os participantes recibirán 960 horas de formación teórica e práctica durante 6 seis meses, nos que cobrarán o Salario Mínimo Interprofesional: uns 650 euros ao mes. Tamén se xerarán empregos, pois será necesario contratar a tres monitores. Ao finalizar o obradoiro, recibirán un certificado de profesionalidade.

Na sesión aprobouse a contratación de 4 desempregados lucenses, que comezarán a traballar noutras tantas empresas e entidades da provincia. Trátanse dun camareiro en Meira; dous peóns gandeiros en Pedrafita  e Bóveda; e un cociñeiro en Foz.