Deputación de Lugo

A Deputación formou a 795 traballadores dos Concellos e da propia institución cos 22 cursos do 2016

O Vicepresidente e o Deputado de Goberno Interior entregaron este venres os diplomas a 30 dos traballadores públicos que participaron no Plan de Formación

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, entregaron este venres os diplomas a 30 traballadores públicos, que participaron no Plan de Formación do 2016. En total, o organismo provincial ofreceu durante o ano pasado 22 accións formativas, nas que se formaron 795 empregados dos Concellos da provincia e da propia Deputación.

Foron 681 horas de formación, nas que se abordaron os seguintes temas como, por exemplo, xurídicos e procedimentais (274 horas); novas tecnoloxías da comunicación (92 horas); temas específicos para determinados colectivos, como a policía (81 horas); recursos humanos (70 horas); administración electrónica (54 horas); económicos e orzamentarios (40 horas); transparencia e bo goberno (40 horas) ou prevención de riscos  laborais (30 horas).

Formación nos Concellos
O departamento de Formación da Deputación dirixe a súa oferta formativa tanto aos empregados do organismo provincial como aos Concellos lucenses. A programación dirixida aos municipios canalizouse, principalmente, a través do Plan Agrupado de Formación Continua, que contou o ano pasado con 600 participantes. Destes, 379 corresponderon a persoal das entidades municipais e 221 a empregados da Deputación. A distribución por comarcas dos 379 participantes dos Concellos foi: 73 da Comarca da Mariña; 64 da Terra Chá; 118 da Comarca de Lugo; 30 da Comarca de Sarria; 12 da Comarca da Ulloa; 42 participantes da Montaña; e outros 40 de Lemos e Chantada.

Accións en curso
Os recentes cambios nas normativas do sector público provocaron unha alta demanda de dúas das accións formativas que están a celebrar actualmente a súa segunda edición. Trátase dos cursos O procedemento administrativo local tras a reforma da Lei 39/2015, no que están a participar 50 persoas, e o curso Lei 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público, con 52 participantes. Ademais, para atender a listaxe de espera, está previsto que neste mes comece a terceira edición do curso sobre procedemento administrativo, con outros 55 inscritos.