Deputación de Lugo

A Deputación inviste en Meira 220.000 euros en dotacións públicas, emprego e servizos sociais

- Campos Conde subliñou que “coa miña primeira visita institucional a Meira quero amosar o compromiso da Deputación con este Concello, e espero que sirva para seguir traballando e colaborando, todos unidos, por esta provincia” - Infraestruturas: 100.000 euros para acceso ao campo de fútbol e reposición de tramo de canalización na Rúa Rego-San Vicente; 47.000 euros para o POS; máis de 15.000 euros para medidas de aforro enerxético; e máis de 3.000 para mellora a sede electrónica - Emprego: máis de 32.000 euros son para a creación directa de postos de traballo a través do DEPUEMPREGO, e 2.000 euros para a celebración da Festa da Malla - Servizos Sociais: case 20.000 euros están destinados ao Servizo a Domicilio

O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este venres en Meira o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este municipio, dotado con 220.000 euros. Fíxoo nunha visita institucional, que arrancou cunha recepción por parte do Alcalde, Antonio de Díos Álvarez, e outros membros da Corporación, na que o Presidente asinou no Libro de Ouro do Concello.

Campos Conde subliñou que “coa miña primeira visita institucional a Meira quero amosar o compromiso da Deputación con este Concello, e espero que sirva para seguir traballando e colaborando, todos unidos, por esta provincia. Hoxe asinamos diversos convenios de colaboración que espero e desexo, sirvan para fomentar o emprego, mellorar as políticas sociais, contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos veciños de Meira”.

Estes 220.000 euros, que se inxectarán de xeito inmediato no Concello, serán para as seguintes actuacións: 

-100.000 euros para a reparación de dotacións públicas en Meira. Con este investimento a Deputación financiará o acceso ao campo de fútbol e a reposición de tramo de canalización na Rúa Rego-San Vicente (LU-750. KM.10). Nesta vía procederase ao cambio nas canalizacións, mudando a tubaxe actual de formigón, por unha de prolipropeno. Neste investimento tamén se contemplan obras de melloras no acceso ao cemiterio parroquial con aglomerado en quente, así como coa limpeza da zona. Con estas melloras, contribuirase de xeito significativo a mellorar a calidade de vida de todos os veciños de Meira.

Mellora en infraestruturas
- 47.281 euros para as obras municipais do Plan de Obras e Servizos de 2016 (POS). A cantidade que lle corresponde a Meira deste Plan é 37.825, e o Concello terá que aportar un total de 9.456 euros. Con esta achega, financiarase o arranxo de estradas como a que vai de Pena ao Cuartel da Garda Civil; da Valiña á estrada de Labrada; de Vedra a Rego; de Irimia Baixa a rasa; de Pedregal a Irimia Alta; e tamén as estradas do Pico do Lugar, Val da Cal, Ponte Pumarega; A Cabana, Pico do Lugar e a lugar da Pena.

- 15.858 euros para aforro enerxético. É a cantidade que lle corresponde a Meira  segundo os criterios obxectivos do Plan de Aforro Enerxético da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. O concello de Meira poderá obter melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos.

-3.171 euros para mellorar as Tics. Con este investimento Meira poderá realizar os cambios que establece a nova Lei do Procedemento Administrativo Común, con fin de axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites cos municipios de xeito telemático.

Creación e impulso do emprego e servicios sociais
- 32.219 euros para crear emprego. Trátase do DEPUEMPREGO, o Plan de Emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta programación é unha aposta persoal do Presidente pola xeración de traballo e a máxima cooperación cos Concellos.

- 19.314 euros para o Servizo a Domicilio. Ao Concello de Meira correspóndelle esta cantidade en base ao seu índice de envellecemento, superficie, densidade de poboación e unidades de poboación. Por primeira vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos.

- 2.000 euros para a Festa da Malla. A deputación realiza unha aportación económica para a realización desta tradicional festa, que xa vai pola súa 25 edición. A cita, declarada de Interese Turístico, é mostra dos oficios tradicionais do país, como é a malla. Esta partida inclúese dentro das subvencións nominativas do Orzamento de 2016, que, por 1ª vez, a Deputación adianta nun 80%.