Deputación de Lugo

Os veciños de Paradela recibiron máis de 400.000 euros do Orzamento da Deputación para 2016

- O Presidente mantivo un encontro con veciños do núcleo rural de Castro de Rei Lemos, onde o Executivo Provincial financiou con 37.000 euros a dotación dunha nova traída de auga e a mellora de accesos viarios - O Goberno da Deputación respondeu ás peticións de veciños de Paradela con axudas por un valor de 84.700 euros para sistemas de auga, camiños, centros sociais ou programacións culturais e deportivas - O Executivo Provincial levou a través do Concello actuacións de case 320.000 euros para mellorar as prestacións públicas, potenciar os servizos sociais e xerar emprego

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este luns que o Goberno da Deputación levou ao Concello de Paradela investimentos de máis de 400.000 euros do orzamento para 2016. Campos Conde subliñou que “a miña prioridade sempre foi, e é, pór a disposición do máis de 350.000 veciños dos 67 municipios lugueses os fondos desta institución, -pois correspóndelles, son cartos públicos-, para responder as súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida”.

O titular provincial fixo estas declaracións nun encontro con ducias de veciños do núcleo rural de Castro de Rei Lemos, en Paradela, onde o Executivo Provincial financiou con 37.000 euros a dotación dunha nova traída de auga e a mellora de accesos viarios. Son actuacións que solicitaron os 500 veciños desta zona, eminentemente gandeira, pois nela atópanse unha decena de explotacións de leite e carne. Como mostra de agradecemento, os veciños convidaron ao Presidente e á Deputada ao xantar que celebran anualmente neste núcleo. 

84.700 euros a través de colectivos veciñais
Campos Conde remarcou que “quero que a institución que presido, sexa unha Deputación coas persoas, social e rural. Por iso, respondemos ás peticións veciñais e ofrecemos novas prestacións públicas que melloren a calidade de vida e favorezan a vida no rural e do rural”, salientou. Deste xeito, xunto a estas actuacións de 37.000 euros, o Executivo da Deputación respondeu con outros 47.800 ás peticións veciños doutros colectivos do Concello de Paradela, financiando arranxos de máis camiños e traídas de auga, así como melloras en centros sociais ou programacións culturais e deportivas, que promoven as asociacións e equipos locais deste municipio.

Preto de 320.000 euros a través do Concello
Directamente a través do Concello de Paradela, o Goberno da Deputación fixo que os veciños deste municipio recibisen outros 320.000 euros para:

- mellorar o sistema de recollida de lixo municipal coa dotación dun novo camión: 60.000 euros.
- dotar dun novo parque no colexio público: 5.743 euros.
- arranxar o único tanatorio municipal: 106.436 euros.
- acondicionar os camiños municipais en Laxe, Moutra, Vilachá, Tremeado, Bariz, Liz e Paredes de Arriba: 50.857 euros.
- mellorar a rede de alumeado público na Rúa Cabaleiros de Santiago: 21.455 euros.
- mellorar a sede electrónica municipal: 4.291 euros
- ofrecer aos maiores Servizo a Domicilio: 23.062 euros.
- xerar 2 postos de traballo como peóns: 44.251 euros.
- colaborar co Concello na organización de actividades culturais: 1.082 euros
- colaborar co Concello na compra de equipamento para instalacións culturais: 1.082 euros.
- colaborar co Concello na organización de actividades deportivas: 1.148 euros.