Deputación de Lugo

Os 54.000 veciños de Lemos, Chantada e da Ulloa reciben 4,5 millóns da Deputación co Plan Único 2018

- Son 2,9 millóns para 60 obras,  415.000 euros para atender a maiores, 900.000 para 70 novos empregos, 250.000 para 13 citas turísticas, 44 culturais e 13 deportivas- O Deputado de Relacións Institucionais informou aos veciños dos 14 Concellos da zona sobre as actuacións que se financian con este plan. Fíxoo nun acto aberto ao público no Centro do Viño da cidade do Cabe ao que foron convidados os Alcaldes- Santos Ramos reivindicou que “os fondos públicos das principais administracións no país, que son infinitamente superiores aos da Deputación con 89 millóns fronte aos 1.000 millóns da Xunta e aos 328.000 millóns do Goberno Central, tamén cheguen á provincia. Porque son recursos de todos os cidadáns e os lucenses tamén pagamos impostos”

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou este martes sobre as novas actuacións que o Goberno Provincial leva aos 14 Concellos das Comarcas de Lemos, Chantada e da Ulloa. Fíxoo nun acto público no Centro do Viño da cidade do Cabe, aberto ao público en xeral e ao que foron convidados os Alcaldes destes municipios. Tamén participaron os Deputados Provinciais Pilar García Porto e Miguel Ángel Sotuela Vega.

Santos Ramos avanzou que “achegamos aos 54.000 veciños que viven na zona Sur da nosa provincia, nos 14 Concellos das Comarcas de Lemos, Chantada e A Ulloa, outros 4,5 millóns de euros co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Pois estes fondos, que proveñen do Plan Único 2018, son para a execución de máis de 60 obras de mellora, por valor de 2,9 millóns de euros, de servizos públicos municipais como estradas, accesos rurais, saneamentos, traídas de auga, instalacións deportivas ou culturais, centros sociais... Destinamos outros 415.000 euros á atención de maiores a través do financiamento de 41.130 horas de Servizo a Domicilio para persoas non dependentes. Xeramos 70 novos postos de empregos nos Concellos, financiando todos os custos laborais destes futuros traballadores con máis de 900.000 euros. E dinamizamos social e economicamente a vida nos municipios do Sur con preto de 250.000 euros, que nos permitirán desenvolver 13 iniciativas turísticas, 44 culturais e outras 13 deportivas”.

“Este Goberno Provincial traballa por unha Deputación coas persoas, sumamente social e rural. Por este motivo, as nosas programacións buscan atender por igual ás necesidades de todos os lucenses, independentemente de onde vivan, levándoas ás distintas localidades dos 67 Concellos e respondendo ás necesidades dos seus veciños. Hoxe somos a administración da provincia que máis inviste en obra pública, en políticas activas de xeración directa de emprego, na atención profesional aos nosos maiores ou no impulso do turismo, do deporte ou da cultura”, destacou Santos

“Lugo sobrevive grazas á Deputación, pero isto non é suficiente”

“A Deputación converteuse no motor económico e social da nosa provincia. Lugo sobrevive coa axuda da Deputación, pero isto non é suficiente. Por xustiza, os fondos públicos das principais administracións no país e as de maiores recursos, que son infinitamente superiores aos Deputación con 89 millóns fronte aos 1.000 millóns da Xunta de Galicia e aos 328.000 millóns do Goberno Central, teñen que chegar á provincia e dar resposta ás necesidades dos lucenses. Pero vemos que isto non ocorre, que Xunta e Goberno Central claramente discriminan a nosa provincia e aos seus veciños”.

Neste senso, reclamou, entre outras cuestións, “comunicacións dignas como o resto dos cidadáns, que se melloren integramente a N-540, N-547, N-640, N-120 ou que se executen a A-54 e A-56; servizos ferroviarios do séculos XXI, a supresión dos pasos a nivel que levamos anos reclamando. É preciso a posta en marcha do Porto Seco, que a nosa provincia volva a forma parte, como o fixo ata o 2011, do Corredor Altántico e que Monforte de Lemos sexa o nó loxístico de referencia. Non pararemos de reclamar unha sanidade pública de calidade para que poidamos ser atendidos, cos medios humanos e técnicos necesarios, nos nosos centros de saúde ou no Hospital de Monforte. Seguiremos reivindicando políticas de emprego e novas oportunidades económicas para a zona Sur da provincia, unha das máis afectadas polo despoboamento, pero onde viven o 20% dos lucenses que, por suposto, merecen ser atendidos con seus fondos públicos na Xunta de Galicia e no Goberno Central. Porque todos pagamos os nosos impostos”.

Comarca de Lemos

Co Plan Único 2018, o Goberno da Deputación achega aos máis de 31.000 veciños dos 6 Concellos que forman parte da Comarca de Lemos (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober) uns 2,6 millóns de euros:

  • Máis de 1,6 millóns en investimentos para a execución de 30 obras de mellora de servizos públicos municipais. 230.000 euros para atención profesional a maiores, financiando 23.000 horas de Servizo a Domicilio para persoas non dependentes; 500.000 euros para a xeración de 35 novos empregos nos propios municipios co dobre obxectivo de reforzas as prestacións públicas nas entidades locais; 76.000 euros para o impulso do turismo co desenvolvemento de 8 citas; 82.000 euros para máis de 40 actividades culturais; 29.000 euros para 10 eventos deportivos; 15.000 euros para que os veciños poidan realizar máis trámites cos Concellos por internet a través a e-administración; e 15.000 euros para o mantemento do Grupo de Protección Civil de Lemos.

Comarca de Chantada

Co Plan Único 2018, o Goberno da Deputación achega aos 14.000 veciños dos 3 Concellos que forman parte da Comarca de Chantada (Carballedo, Chantada e Taboada) 1 millón de euros:

  • Son preto de 800.000 euros para 14 obras de mellora de servizos públicos municipais; 79.000 euros para atender a maiores, financiando 8.130 horas de Servizo a Domicilio a persoas non dependentes; 170.000 euros para a xeración de 8 novos empregos nos propios municipios co dobre obxectivo de reforzar as prestacións públicas nas entidades locais; máis de 15.000 euros para o desenvolvemento de 3 citas turísticas; 8.000 euros para 2 actividades culturais; outros 8.000 para iniciativas deportivas e 15.000 para facilitar trámites cos Concellos a través da e-administración.

Comarca da Ulloa

Co Plan Único 2018, o Goberno da Deputación achega aos máis de 9.000 veciños dos 3 Concellos que forman parte da Comarca da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei) preto de 950.000 euros:

  • Son preto de 550.000 euros para 18 obras de mellora de servizos públicos; 105.000 euros para atender a maiores, financiando 11.000 horas de Servizo a Domicilio a persoas non dependentes; 242.000 euros para a xeración de 27 novos empregos nos propios municipios co dobre obxectivo de reforzar as prestacións públicas nas entidades locais; 11.000 euros para 2 iniciativas turísticas; 12.000 euros para 2 actividades culturais; 8.000 para eventos deportivos e 15.000 para mellorar a e-administración.

Fondos por Concellos

O Goberno da Deputación distribuíu os 21 millóns de euros do Plan Único 2018 entres os 67 Concellos da provincia atendendo as seguintes criterios obxectivos: poboación, superficie, entidades poboacionais, taxa de paro e índice de envellecemento. En base a isto, aos municipios das Comarcas de Lemos, Chantada e A Ulloa correspóndenlles:

  • Comarca de Lemos, máis de 2,6 millóns: Bóveda: 242.572 euros, Monforte de Lemos: 500.000 euros, Pantón: 326.432 euros, A Pobra de Brollón: 280.390 euros, Quiroga: 343.823 euros, Ribas de Sil: 227.591 euros, O Saviñao: 373.369 euros e Sober: 319.589 euros.
  • Comarca de Chantada, máis de 1 millón: Carballedo: 311.352 euros, Chantada: 454.672 euros e Taboada: 319.420 euros.

Comarca da Ulloa, preto de 950.000 euros: Antas de Ulla: 272.052 euros, Monterroso: 296.855 euros e Palas de Rei: 367.818 euros.