A praza de San Marcos acolleu o concerto homenaxe da Deputación a María Victoria Moreno
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto recibiu este mércores pola tarde na Praza de San Marcos, aos 150 compoñentes da Tradaescola e da Escola Municipal de folclore de Betanzos que participaron no concerto homenaxe a María Victoria Moreno, Sons de maio. Un acto que promoveu o Goberno da Deputación de xeito gratuíto, ao que tamén asistiu o técnico de Cultura do Concello de Betanzos, Daniel Loza que recibiu un agasallo do Executivo Provincial, así como a mantedora, Mónica Fernández.
A Deputada sinalou que dende o Goberno da Deputación queremos reivindicar con este concerto gratuíto, no que participan tanto a Tradaescola como a Escola Municipal de Betanzos, a obra e figura de María Victoria Moreno. É un acto sinxelo, pero ao mesmo tempo de reivindicación da nosa lingua e da nosa cultura.
Programa
O concerto comezou ás 19:30 horas, cunha praza ateigada de xente, no que se escoitaron moitos sons tradicionais, concretamente, por parte da Escola Municipal de Betanzos, actuaron as pandeiteriras con pezas de Serán en Barcia, en Ventoselo, Danza e Xota de Berdoias ou pandereitada de Sende. A agrupación Azouge tocou o pasadobre de Melide, e a Agrupación Instrumental a Muñeira de Tomiño, a Xota de Sobrado, e o Pasadobre dos Mariñáns.
Na Tradaescola participaron os alumnos de percusión e gaitas, canto tradicional, baile de iniciación, gaitas e percusión, acordeóns, baile de adultos, canto tradicional, zanfona e a escola de requintas e os cantareiros, que interpretaron polcas, tangos, valse, muiñeiras, xotas e por suposto non faltou a Foliada. Ademais, para rematar o acto, as dúas escolas xuntáronse para tocar o Vals do Miro e Cuba.