Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación presenta no Pazo de San Marcos, “Deseño e diferenza” de Luís Seoane

- Coincidindo co 50 aniversario da Planta Circular de Sargadelos, o Executivo Provincial organiza esta mostra que recolle unha completa selección de Seoane que contén óleos, gravados, e amosa tamén a súa faceta editorial e, por suposto, a cerámica - García Porto remarcou que “esta colección é un dobre proxecto expositivo e editorial, que incide na condición de deseñador no universo da cerámica, do libro ou do tapiz”- Seoane está considerado como un dos intelectuais galegos máis destacados do século XX. Un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega, que contribuíu a engrandecer esta terra a través do seu labor como artista, escritor, xornalista, editor e promotor dun gran número de iniciativas culturais

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto inaugurou este xoves na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, a mostra “Deseño e Diferenza”, de Luís Seoane que estará exposta ata o 30 de xuño. Esta colección contén unha selección de pezas de Seoane, que inclúe óleos, gravado, parte editorial e a cerámica do protagonista da linguaxe sargadeliana. A mostra, exhíbese coincidindo co 50 Aniversario da Planta Circular de Sargadelos.

No acto tamén estiveron presentes o Coordinador da exposición e Secretario da Fundación Sargadelos, Jose Luís Vázquez Montero, a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, o ensaista, David Barro, así como o membro do Padroado Fundación Sargadelos, Alberto Leiro.

García Porto sinalou que “Seoane é o gran renovador do deseño galego no s. XX, con propostas gráficas de vangarda, xa sexa nos seus libros ou carteis, aportando novas solucións ao deseño cerámico nos anos sesenta, ou no especial cromatismo dos seus tapices, onde se mestura o mellor dos seus debuxos e as solucións técnicas que fixeron paradigmática a súa pintura”.

A Deputada remarcou que esta colección “é un dobre proxecto expositivo e editorial, que incide na condición de deseñador de Seoane, xa sexa no universo da cerámica, do libro ou do tapiz. Pero para iso hai que ter en conta o seu labor como pintor, xa que todas estas disciplina se influencian unhas ás outras dun modo irreversible”.

Un intelectual comprometido

Luis Seoane López (Bos Aires, 1910- A Coruña 1979 está considerado como un dos intelectuais galegos máis destacados do século XX. Un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega, que contribuíu a engrandecer esta terra a través do seu labor como artista, escritor, xornalista, editor e promotor dun gran número de iniciativas culturais ao longo da súa vida.

A colección: Deseño e diferenza

Coincidindo co 50 aniversario da Planta Circular que foi inaugurada o 10 de maio de 1970 realízase esta mostra en homenaxe a Seoane. Esta infraestrutura, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), é obra do arquitecto galego Andrés Fernández-Albalat Lois.

Nesta colección, que estará exposta ata o de 30 de xuño na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, poden verse 60 pezas de cerámica, 7 tapices, 7 óleos, 20 gravados e xilografías, así como diversa produción editorial e diversas publicacións orixinais deste intelectual.

O seu traballo ao fronte do Laboratorio de Formas de Sargadelos, conxuntamente con Isaac Díaz Pardo, foi o que definiu as primeiras pezas figurativas do novo Sargadelos. Por unha banda realiza unha serie de xarras-homenaxe a personalidades do seu tempo, como Rosalía, Castelao ou Valle–Inclán que poden verse nesta mostra. Outras das pezas que podemos contemplar son dous ramos de once elementos (de case un metro de alto), un amarelo e verde, e outro azul e vermello, así como outros dous ramos mais pequenos, moi novidoso para época. Tamén destacan o Floreiro con mar e gaivotas, Cincodedos, Paxarosol, Gato de pedra ou Vaca con paxaro.

Os tapices que se exhiben foron producidos en colaboración con María Elena Montero, ademais dos cartóns orixinais que o artista realizou para a súa manufactura, cunha selección de deseños e bosquexos das pezas de cerámica, gravados e pinturas representativas que forman parte dos fondos do Museo Arte Contemporánea Carlos Maside, entre eles o Meco, un dos máis grandes que chegará a pintar.