Deputación de Lugo

Máis de 200 familias formaranse no CENTRAD para confeccionar os seus traxes de Arde Lucus

Gómez Besteiro e López Orozco renovaron o convenio para potenciar a cita festiva que, logo do San Froilán, atrae ó maior número de visitantes a Lugo cun millón de persoas A formación, dirixida ás ANPAS de colexios públicos e concertados da capital, inclúe 25 obradoiros: de corte e confección, elaboración de armas, complementos en coiro, coroas vexetais, papiros e adaptados para nenos de 3 a 5 anosEntre as novidades, a Praza de San Marcos estrearase coma escenario do Arde Lucus e o Centro de Artesanía e Deseño vestirá ó Cesar e a Lisístrata

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañados pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regin Polín, deron conta este martes, nun acto que tivo lugar no Obradoiro do Traxe do CENTRAD, da renovación dun convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións para a organización da undécima edición do Arde Lucus. Mediante este acordo, a Deputación achega 18.000 euros para formar ás máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados da capital luguesa. Son os de Albeiros, Casás, Maristas, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón. O Centro de Artesanía e Desño organizará e acollerá 25 obradoiros nos que pais e fillos poderán confeccionar as súas vestimentas completas, ben de romanos ou de castrexos, do Arde Lucus.

Gómez Besteiro salientou que “cada ano vamos mellorando os nosos traxes, introducindo un elemento máis. Por tanto, creo que a mellor forma de lograr o vestiario que desexamos é que cada un o saiba facer. Para elo, están os profesionais do CENTRAD que asesorarán a través destes obradoiros a adultos e a pequenos. Isto vai contribuir a apuntalar unha festa máis que coñecida, na que se involucran veciños de todos os Concellos da provincia que queren vir vestidos para a ocasión”. López Orozco subliñou que “o Arde Lucus é un éxito de todos porque, xa dende a 1º edición, os lucenses convertémonos en actores, facéndoo noso; porque moitos dos que nos visitan teñen este festexo como cousa súa; e porque buscamos patrocinicios, tanto de empresas privadas como de administracións como neste caso a da Deputación, que é unha colaboración totalmente desinteresadas como son e como foron de desinteresadas todas as aportacións de empresas e institucións que participaron no Arde Lucus”.

Os cursos serán de corte e confección para realizar os patróns dos traxes; de fabricación de armas nos que facer espadas, escudos ou cascos; de traballos en coiro para elaborar complementos como bolsos, sandalias ou pulseiras; de elaboración de adornos florais nos que preparar coroas de flores ou loureiro, un dos ornamentos de máis éxito entre os participantes; e de realización de papiros. Ademais, para os máis cativos (de 3 a 5 anos) haberá obradoiros temáticos e á medida das súas habilidades, que se desenvolverán mentres os maiores participan nos talleres de máis complexidade. O ano pasado, a institución provincial achegou preto de 7.000 euros para a adquisición de teas coas que os lucenses fixeron, sen axuda, os seus traxes. Nesta ocasión, a colaboración vai máis aló, xa que agora aprenderán a coser as súas teas e a elaborar os complementos que poidan imaxinar.


Mercar traxes na Rede
O Presidente subliñou que esta non é a única opción que ofrece a institución provincial de contar cun traxe axeitado para o Arde Lucus. Todas aquelas persoas que tamén queiran unha vestimenta completa poden adquirila na Rede, entrando na plataforma de comercio electrónico da Deputación, a 1º existente na provincia. Para elo, só é preciso acceder á dirección web www.losproductosdelugo.com e buscar “Unha de romanos”, establecemento lugués que, o ano pasado, recibiu a visita de 1.500 internautas grazas á iniciativa da Deputación.

Máis novidades
Ademáis de organizar estes obradoiros, o Obradoiro do Traxe Rexional do Centro de Artesanía e Deseño será o encargado de elaborar os traxes que lucirán dúas das figuras centrais da cita e que representan o espíritu da festa: os personaxes de César e Lisístrata, que vestirán creacións nacidas das mans das costureiras do Centro. Outra da novidades, será que a praza de San Marcos, por primeira vez e tendo en conta que tras a súa transformación é un amplo espazo de uso público, lucirá engalanada coas cores do Arde Lucus, sendo escenario das actividades que se celebrarán entre os días 22 e 24 de xuño. Trátase da cita que, logo do San Froilán, atrae ó maior número de visitantes a Lugo cun millón de persoas, acadando o 100% da ocupación hoteleira e xerando un volume de negocio de 10 millóns de euros, segundo datos da última convocatoria. Declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, o Arde Lucus sitúase, ademais, nun lugar destacado no calendario de festexos de España.