Deputación de Lugo

A Deputación recoñece o compromiso do Ministro de Fomento con Galicia e con Lugo na xestión de grandes infraestruturas

O Pleno aprobará mañá a moción na que se lembra que José Blanco cumpriu o protocolo establecido para o desenvolvemento da rede de alta velocidade en Galicia, fronte ó plantexado polo Partido Popular, que quedou en nadaAntonio Gato subliña que a macrolicitación do AVE cuestiona as catro iniciativas que o PP presentou na Deputación, “que reflicten a desconfianza no Ministro e a ansiedade política dos dirixentes populares”Aprobáronse as preto de 70 obras do Plan Complementario, dotado con 9,5 millóns de euros, e posto en marcha para intensificar o apoio ós municipios máis poboados ou que exercen como motores comarcaisA Deputación executará, dentro do canon, a 2ª fase do auditorio de Chantada por valor de máis de 900.000 euros

A Deputación aprobará no Pleno mañá a moción do grupo provincial socialista na que se recoñece o compromiso do Ministro de Fomento, José Blanco, con Galicia e con Lugo na xestión das grandes infraestruturas viarias e ferroviarias. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, lembrou que o día 13 de decembro o responsable do Departamento do Goberno Central e o Presidente da Xunta de Galicia celebraron unha xuntanza coa finalidade de revisar o chamado Pacto do Obradorio, e que o Ministerio de Fomento comunicou á Unión Europea a licitación por máis 6 mil millóns de euros dos treitos pendentes e o mantemento da nova liña.

“Barreiro chegaba aquí e falaba do AVE, converténdose este tema no fío condutor do plantexamento político da oposición. O Pacto tiña un prazo, o 31 de decembro, e déuselle unha volta por ambas as dúas partes, e constatouse que segue a cumprirse e segue vivo, o cal causou a satisfacción do señor Feijóo. Igual mañá Barreiro di que isto produciuse grazas ás iniciativas presentadas, pero este argumento non o pode dar. Isto cuestiona todas as iniciativas que o Partido Popular presentou na Deputación, ata en catro ocasións se reflictiu a desconfianza no Ministro e a ansiedade política dos dirixentes populares”, apuntou Gato Soengas.

O voceiro provincial socialista subliñou que o protocolo para o desenvolvemento da rede de alta velocidade en Galicia ten servido para impulsar o avance da liña de Alta Velocidade Ourense-Lugo, cumpríndose ata o momento todo o establecido para a provincia. “Pola contra, o impulso á execución de dita liña plantexado polo Partido Popular quedouse en nada. Non houbo ningún tipo de xestión, ou anuncio de previsións, sobre o compromiso do Presidente da Xunta coa provincia de Lugo”.

Apoio ós Concellos
Antonio Gato anunciou que o Presidente vén de remitir ós Alcaldes e Alcaldesas da provincia unha carta na que se lles anuncia a posibilidade de abordar accións específicas de cooperación cos Concellos para facer fronte á situación financieira derivada das restricións orzamentarias que todas as entidades locais están a padecer nestes momentos e de cara a garantir a prestación dos servizos municipais básicos. A diagnose da situación, que se deducirá do estudo, presentará datos agregados por Concellos nos seguintes treitos de poboación: municipios de ata 1.000 habitantes; de 1.000 á 2.000; de 2.000 á 4.000; de 4.000 á 6.000; de 6.000 á 10.000; e de máis de 10.000. Os cuestionarios deberán ser cumplimentados polos servizos de Intervención antes do 10 de xaneiro, e reenvialos ó Servizo de Cooperación ou por correo ó seguinte enderezo: cooperación@deputacionlugo.org.

Obras convenios Plan Extraordinario de Obra Pública
A Xunta de Goberno aprobou as preto de 70 obras dos convenio que o Presidente pactou cos Alcaldes dos nove Concellos que se benefician do Plan Complementario, dotado con 9,5 millóns de euros e posto en marcha para intensificar o apoio ós municipios máis poboados ou exercen como motores comarcais, ó tempo que quedaran excluídos doutros plan provinciais como o de Pequenas Infraestruturas ou o canon hidroeléctrico. Son obras que benefician a 176.000 veciños dos Concellos de Sarria, Monforte, Lugo, Vilalba, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz e Burela. Con este investimento, a Deputación completa o Plan Extraordinario de Obra Pública dotado con preto de 22 millóns de euros.

Auditorio municipal de Chantada e outros acordos
Asimesmo, aprobouse a contratación da segunda fase das obras do auditorio municipal de Chantada por valor de 902.443 euros. A primeira execútase cos fondos do Plan E de 2010. Esta actuación inclúese dentro do canon deste ano, trátase dunha actuación moi importante porque este municipio, que é cabeceira de comarca, non dispón dun edificio destas características. Disporá de dúas prantas funcionais con capacidade para unhas 300 persoas. Ten un prazo de execución de 6 meses, de tal xeito que estará rematado para o verán de 2011. “Zanxamos esta obriga da Deputación con este municipio, que durante anos permaneceu no caixón”.

O centro dispón dun deseño especial, xa que a cuberta comunicará a Praza de Galicia coa Avenida de Lugo. En total, investíronse neste municipio ó longo destes tres anos preto de 5 millóns de euros, dos que máis de 1,6 corresponden á anualidade de 2010, que contempla outras tres actuacións a parte da mencionada: demolición da Casa Sindical e o acondicionamento da praza de Galicia (90.000 euros), desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías (160.000 euros), e rexeneración e adecentamento de espazos públicos e de viais (426.802 euros).

A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace a 31 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais. Suman un total de 382.395 euros dos que a Deputación subvenciona 280.715. Pertencen ós Concellos do Valadouro (4), Vilalba (3), Palas de Rei (3), Riotorto (2), Samos (2), Cervo, Baleira, Begonte, Castroverde, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Quiroga, Abadín, Alfoz, Barreiros, Becerreá, Chantada, Foz, Friol, Lugo e Ribeira de Piquín.